O Congreso ábrelle a porta ás licenzas de telefonía móbil propias para a nosa terra

xoves, 11 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Congreso

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de acadar un importante pulo para o asentamento da Internet no noso rural, un espazo que malia os esforzos de promoción de iniciativas como por exemplo a Rede Dinamización, aínda está pendente de contar cos accesos mínimos requiridos, ficando un bo número de áreas sen posibilidade algunha de conexión. Segundo conta o BNG e se fan eco medios como El Progreso ou Vieiros, a medida do BNG, que veu da man do voceiro nacionalista no Congreso de Deputados, Francisco Jorquera, rematou na aprobación na Cámara dunha proposición non de lei para permitir a posta en marcha de licenzas de telefonía móbil do eido galego. A medida apoiada por unanimidade foi cualificada polo voceiro do BNG como “fundamental para que por fin o medio rural galego teña acceso de calidade á Internet de banda larga, xa que a tecnoloxía sen fíos é máis axeitada para este obxectivo”.
A súa idea ao presentar esta iniciativa foi resolver un problema de anos: a suposta falta de demanda de acceso ás redes que as operadoras din atopar no noso rural, de aí que sexa unha materia pendente. Ao seu xuízo, até o día de hoxe as empresas estatais deste sector incumpriron os seus compromisos de levar Internet ao rural, excluíndo deste xeito a núcleos dispersos ou ben achegándolles servizos e tecnoloxías que xa hai tempo que ficaron obsoletos. Isto, remarcou, non fai máis que acentuar as incomprensibles diferenzas de acceso dixital (a engadir ás sociais, culturais, económicas e demais) que aínda hoxe separan ao ámbito urbano (xa de por si favorecido) do non urbano.
Co fin de botar luz sobre os seus obxectivos, Jorquera puxo como exemplo no Congreso as licenzas para a achega de servizos de conexión en 3,5 xigaherzios levada a cabo hai unha década, experiencia que ficou pechada para operadoras galegas por mor da feitura estatal do concurso, “mentres que as concesionarias destas frecuencias susceptíbeis de mellorar o acceso á banda larga e á telefonía móbil no rural mantiveron esa parte do espectro bloqueado e improdutivo ao non cumprir os seus compromisos”. O voceiro do BNG quixo deixar claro que a opción para a existencia das frecuencias que teñan como espazo de asignación as comunidades “é legal e tecnicamente posible”, tal como pasou co cable e coas licenzas de radio e televisión dixital.

PUBLICIDADE