O Congreso Unvex servirá de privilexiado escaparate ás nosas empresas do Polo Aeroespacial

mércores, 26 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O carácter referencial de Galicia en materia de drons, referendado polo Polo Aeroespacial das Rozas, no que traballan ducias de empresas punteiras da nosa terra argallando novos e frutíferos xeitos de tirar partido dos vehículos aéreos non tripulados, vai recibir ás portas do verán un importante impulso. Estamos a falar do Congreso Internacional Unvex, que se celebra entre os días 16 e 18 de xuño, co obxectivo de mostrar ante o tecido produtivo estatal as moitas potencialidades do dito Polo, poñendo o foco no rebulir innovador do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou este mércores na presentación deste evento centrado nos vehículos non tripulados que se celebrará en Santiago. Segundo fixo saber, agárdase a visita de máis de 5000 profesionais do sector procedentes de diferentes países.
Na súa intervención, o conselleiro destacou que Galicia ten sabido impulsar, a través da colaboración público-privada, “a creación e o medre dun novo sector de alta tecnoloxía como é o aeroespacial, que hoxe en día é estratéxico na industria da Comunidade”. Conde puxo en valor “o traballo das empresas e startups galegas vinculadas ao sector, os centros tecnolóxicos e as universidades, que desde o Polo Aeroespacial de Galicia traballan para ofrecer novos produtos e solucións innovadoras no ámbito dos sistemas non tripulados”.
Máis detalles sobre o evento
O encontro Unvex 2020, no que se agarda a visita de máis de 5000 profesionais do sector procedentes de diferentes países, e a participación de medio cento de empresas, celebrará a súa sexta edición por primeira vez en Galicia. Segundo fixo saber hoxe o conselleiro, os participantes terán ocasión de comprobar in situ as capacidades do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, en Castro de Rei (Lugo). Amais do devandito, servirá para abordar as posibilidades que ofrecen os vehículos aéreos non tripulados na prestación de servizos públicos.

PUBLICIDADE