O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos do Campus de Ourense entregará 1.400 euros en premios

venres, 13 de novembro do 2015 Redacción

O 15º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e Expourense, ten aberto o seu prazo de inscrición ata o día 26 de novembro. Segundo informa a organización, o alumnado das universidades galegas e do Norte de Portugal que cursen titulacións da área de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) poden presentar os seus traballos fin de carreira ou fin de mestrado. A contía total dos premios ascende aos 1.400 euros.
O obxectivo desta iniciativa é “vincular as actividades de I+D+i da universidade no terreo da informática e as telecomunicacións co mundo empresarial”, sensibilizando ás empresas sobre o que lles pode achegar a aplicación da innovación e a investigación para o aumento da produtividade e da competitividade e estimulando a capacidade innovadora dos estudantes para “desenvolver proxectos cunha visión empresarial”. Máis polo miúdo, poden participar no certame alumnos e alumnas das universidades de Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Na modalidade A do concurso concorren os títulos de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co terreo das tecnoloxías da información e as comunicacións. Na modalidade B participan os títulos de grao en Enxeñaría Informática, grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Tamén haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente no que poden participar alumnos e alumnas pertencentes á modalidade A ou B. Todos os premios, que oscilarán entre os 400 e os 150 euros, estarán acompañados dun trofeo. Por último, entregarase un premio do público, dotado cunha estancia nun balneario ou un e-reader, para o proxectos que consigan máis seguidores na súa páxina en Facebook ata as 12.00 h. do día 9 de decembro.

PUBLICIDADE