O Concello de Verín e APETEGA presentan a edición 16 das Xornadas de Tecnoloxía

venres, 7 de abril do 2017 Redacción

Esta semana presentáronse no consistorio de Verín múltiples detalles dunhas interesantes xornadas que anunciaramos previamente dende Código Cero (nos seus detalles xerais) e que teñen como obxectivo fundamental favorecer o intercambio de experiencias didácticas baseadas nas tecnoloxías. Trátase das XVI Xornadas de Tecnoloxía organizadas por APETEGA (Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia), uns encontros patrocinados polo Concello de Verín e que están previstos para os vindeiros 21 e 22 de abril no centro educativo local IES Xesús Taboada Chivite. No acto de presentación participou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane e o vicedirector do IES Xesús Taboada Chivite, César Sánchez.
Segundo sinalaron, as xornadas contarán cun total de 120 prazas e teñen como principal obxectivo “o intercambio e divulgación de experiencias didácticas dentro das aulas e de última aplicación”. Para iso, organizaranse obradoiros para profesores que tratarán contidos sobre programación, robótica, impresión 3D, técnicas didácticas de aplicación práctica na aula-obradoiro, experiencias innovadoras para a práctica docente na área, as TIC como recurso educativo, etc.
Na súa intervención, Gerardo Seoane explicou que o Concello de Verín patrocina o acto inaugural das xornadas que terá lugar o 21 de abril, ás 16:30 horas, no auditorio municipal. Nesta sesión de apertura, engadiu o alcalde, a empresa Ceo Aberto, experta en divulgación científica e tecnolóxica, ofrecerá a charla-espectáculo de ciencia De la rueda al laser, aberta a toda a comunidade educativa de Verín. “Desde o Concello decidimos patrocinar este espectáculo tecnolóxico para que todos/as os/as verineses/as poidan coñecer de primeira man, e dunha maneira didáctica e divertida, moitas das tecnoloxías que poderán utilizar de maneira cotiá nun futuro próximo”, explicou Seoane.
Sánchez, pola súa banda, confirmou na rolda de prensa que dentro das actividades programadas para as xornadas “ademais dos obradoiros impartidos polos profesores, contarase con varias conferencias didácticas nas que participarán técnicos dos Museos Científicos de A Coruña, membros da empresa 3D_León e representantes da empresa Prodel de Madrid, na que traballan cun amplo abano de materiais dentro do mundo da tecnoloxía”.
A charla-espectáculo De la rueda al láser será impartida por David Ballesteros, profesor e divulgador científico de gran experiencia especializado no mundo educativo. A sesión, sinalaron Seoane e Sánchez, presenta un percorrido pola historia da humanidade e os cambios tecnolóxicos máis rompedores e decisivos, “que permitiron a entrada nunha nova era do coñecemento”.
Para finalizar a charla, os participantes reflexionarán sobre as tecnoloxías que poderemos gozar nun futuro próximo. De forma ilustrativa, convidarase o público a xogar controlando a actividade cun lector de ondas cerebrais conectado ao seu cerebro. As persoas interesadas en ver o programa de actividades das xornadas, poden descargalo en formato PDF.

PUBLICIDADE