O Concello de Santiago e a Xunta apostan polo equipamento común de telecomunicacións

mércores, 4 de febreiro do 2015 Redacción

Torre de Retegal en San Marcos, Santiago

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago van compartir infraestruturas de telecomunicacións. Así o fixeron saber este mércores representantes de ámbalas administracións, por unha banda a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e pola outra o alcalde do Concello de Santiago, Agustín Hernández, que asinaron un acordo encamiñado a achegar sustentabilidade e rendibilidade no ámbito das telecomunicacións locais. O convenio fixa polo tanto un aproveitamento recíproco das instalacións e o equipamento de ambas administracións para o desenvolvemento de redes de telecomunicacións no municipio.
O acordo, sinalaron, permitirá “compartir activos autonómicos e locais como torres de antenas, canalizacións, galerías de servizos e fibra óptica, existentes no termo municipal para favorecer a modernización das comunicacións internas e externas de ambas administracións”. Seguindo apuntaron, esta iniciativa conxunta xogará a prol dunha redución importante no fornecemento de nova obra civil e posibilitará, ademais, que o Concello de Santiago poida instalar equipamentos de telecomunicacións municipais en infraestruturas da Administración autonómica, ou que a Xunta de Galicia poida empregar as canalizacións municipais para estender fibra óptica entre os seus edificios.
A medida insírese nun dos obxectivos da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia que é “fomentar a cooperación e a coordinación entre os distintos niveis da Administración Pública, e entre estas e os operadores de telecomunicacións, para promover despregamentos máis eficientes e respectuosos coa contorna urbanística e o medio ambiente”.
Mar Pereira, amais de dar a coñecer os detalles do acordo, sinalou que en Santiago, as medidas incluídas no Plan de Banda Larga que impulsa AMTEGA facilitaron xa o acceso á Internet (a través de redes fixas e sen fíos), a 13.688 habitantes de 51 núcleos do termo municipal que carecían de cobertura de Internet. “Estas actuacións”, dixo, “supuxeron un investimento público-privado de máis de 840.000 euros e incrementaron a porcentaxe de poboación con acceso á Rede no municipio do 85,5% a máis do 98%”.
Tamén sinalou que a día de hoxe máis do 78% da poboación dispón de cobertura de redes de fibra óptica que permiten velocidades de máis de 100 Mbps e a fibra óptica está presente no polígono industriais do Tambre e nos parques empresariais de Costa Vella e A Sionlla.

PUBLICIDADE