O Concello de Porto do Son dá un impulso aos establecementos locais con sonoteucomercio.gal

venres, 19 de xuño do 2020 S. P.

O comercio electrónico e todas as vertentes da transformación e a dixitalización demostraron ao longo da emerxencia sanitaria que poden ser boas ferramentas empresariais ante circunstancias adversas, con capacidade para axudar as empresas a seguir adiante, vendendo e comercializando os seus produtos, e con potencial para tirar abaixo muros de mercado coa axuda das firmas de distribución. Estas posibilidades son a base da plataforma web anti-COVID que impulsa o Concello de Porto Son a través de http://sonoteucomercio.gal/, unha ferramenta conxunta e gratuíta que pretende aglutinar a todo o tecido empresarial do municipio coa pretensión achegar aos seus integrantes un “recurso esencial na difusión de todos os bens e servizos que ofrecen”.
Segundo informa o Goberno local a respecto das circunstancias que motivaron o impulso da ferramenta, “a situación que acabamos de vivir mudou as pautas de consumo e ocio das familias, o que fai necesaria unha adaptación dos servizos e produtos, así como o establecemento doutras canles para a relación co cliente”. Cara ao asentamento destes novos hábitos e facilitar os procesos de adaptación de toda a xente implicada é cara a onde se dirixe a páxina web devandita, que “servirá de escaparate para o tecido empresarial de Porto do Son e promoverá o consumo no ámbito local; potenciando as compras en establecementos de proximidade, seguros, de confianza, con produtos de calidade, etc”.
A día de hoxe (xa a piques de enfiar a recta final de xuño) o servizo xa conta con xa preto de 50 empresas adheridas e de sectores moi variados: comercio, alimentación, hostalería, turismo e servizos profesionais.
Navegando polas seccións podemos ver os nomes (e áreas de actividade) de todas as empresas adheridas, así como a súa imaxe corporativa e outras fotografías que aportaron as propias empresas. A propia web dispón dunha sección específica para que calquera empresa interesada poida adherirse a esta plataforma cubrindo un sinxelo formulario.

PUBLICIDADE