O Concello de Pontevedra lanza unha web para difundir e manter vivo o seu rico patrimonio

mércores, 18 de xuño do 2014 Redacción

Seguindo na súa liña de empregar a Rede como acubillo de coñecemento e salvagarda dos nosos pasado e identidade (nesta liña inseriuse precisamente A memoria das mulleres), o Concello de Pontevedra vén de lanzar unha web destinada a difundir o seu rico patrimonio artístico, arquitectónico e cultural. Trátase de Tesouros do tempo e serve entre outras cousas de catálogo de divulgación, preservación e promoción, ao tempo que exerce de acubillo de propostas prácticas para materializar o noso achegamento ao devandito patrimonio.
Deste xeito, a web inclúe roteiros diversos para percorrer Pontevedra e a súa contorna e, tamén, xanelas para accedermos a outro tipo de patrimonio, xeralmente máis inaprensíbel: o inmaterial. A web vén da man da Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra e colleu corpo ao abeiro do Plan de patrimonio rural posto en marcha pola institución en xullo e 2012. A web preséntase coma un “repertorio incompleto dos bens patrimoniais de Pontevedra”, co que se pretende deixar claro que estamos ante un repositorio en crecemento, aberto á participación e sempre vivo. Os bens están estruturados en catro categorías: arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos e infraestruturas, e a idea é incorporar en datas vindeiras o patrimonio inmaterial.

PUBLICIDADE