O Concello de Ponteareas colabora coa Escola de Música de Xinzo no seu proceso de informatización

venres, 15 de setembro do 2017 Redacción

A Escola de Música de Xinzo (Ponteareas) vai contar co apoio Concellería de Novas Tecnoloxías para impulsar o seu proceso de dixitalización. Así o deron a coñecer os responsábeis da escola o pasado 12 de setembro, tras unha xuntanza co concelleiro Benito Márquez. Na reunión, na que participou (entre outros) o presidente do centro de formación musical, Francisco Represas, acordáronse cousas concretas como dotar á escola cun equipo informático acorde ás necesidades da entidade.
Este equipamento, que virá da man da devandita Concellería, forma parte do que en palabras dos responsábeis da escola constitúe “un profundo profeso de modernización co obxectivo de aumentar a calidade docente e organizativa”. Un dos eixos de mellora é un eixo TIC e abranguerá a informatización de todos os procesos administrativos e contábeis da entidade.
Segundo explicaron, neste curso 2017/2018 a Escola de Música de Xinzo conta con máis de 100 alumnos e alumnas e un cadro de 10 profesores achegando un amplo abano formativo de especialidades musicais. Este importante número de estudantes e de mestres, unido a un proceso de descentralización da escola cara a diferentes emprazamentos (por exemplo as parroquias de Prado, Moreira ou Arcos, todas elas de Ponteareas), fan que sexa preciso abordar na xestión unha serie de procesos renovadores. De aí o apoio do Concello.

PUBLICIDADE