O Concello de Ourense convida á cidadanía a probar a fondo a app municipal e enviar suxestións

martes, 28 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de Ourense está a rematar o ano convidando a cidadanía a descargar e facer uso da súa aplicación móbil, cuxa versión de probas foi presentada a finais de novembro e que foi deseñada e desenvolvida polo director xeral de Innovación do Centro de Intelixencia Artificial da cidade, David Olivieri, “con custo certo” para as arcas da Administración local. O convite á cidadanía tamén vai dirixido a perfeccionar, coa colaboración dos usuarios, a versión final da ferramenta móbil.
O Concello explicou “que todas as persoas que o desexen poderán darse de alta como usuarias, coñecer as súas prestacións e achegar as súas suxestións, que serán tidas en conta para realizar a versión final”. Por agora, esta fase beta está dispoñíbel na páxina web do Concello.
A aplicación pretende facilitar unha canle de comunicación coa cidadanía, e proporcionar información, axuda e noticias sobre a cidade, nunha soa aplicación. Conta con apartados como, entre outros:
-eGoberno: Para conectar con todos os departamentos e áreas do Goberno local.
-Cultura: Para coñecer e ter a un clic os próximos eventos culturais.
-eOficina365: Para acceder a documentación oficial, escritos e notificacións ao instante.
-Turismo: Para coñecer atractivos turísticos, patrimonio, roteiros e gastronomía.
O deseño final incluirá suxestións achegadas pola cidadanía. Por este motivo, o Concello convida a todas as persoas que o desexen a “que ingresen no programa de probas e participen no proceso”. Unha vez completada, a aplicación estará dispoñíbel en Google Play e App Store.

PUBLICIDADE