O Concello de Monforte inaugura unha mostra participativa sobre Lois Pereiro

martes, 12 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A figura de Lois Pereiro, o vindeiro homenaxeado na festa das nosas Letras (17 de maio), está a ser obxecto de continuas reivindicacións, tanto na Rede galega como sobre os nosos escenarios. En certa maneira, o recoñecemento a Pereiro era unha das grandes materias pendentes do país, ás veces (por desgraza) máis preocupado de encomiar a certos autores que malia ter nacido aquí nada teñen que ver co noso. Pero Lois Pereiro si: representa o mellor dese punto máxico onde a liña da tradición literaria galega se converte sutilmente en vangarda. Así o entenden dende a súa vila natal, Monforte, onde veñen de inaugurar unha mostra interactiva que divulga a obra e a vida do escritor.
A exposición, habilitada na casa da cultura de Monforte, inclúe entre outras cousas unha completa escolma fotográfica de Pereiro con preto de 200 imaxes, cada unha delas un punto de vista sobre o noso poeta e, tamén, sobre os seus familiares e os seus amigos e veciños.
De feito, esta vontade de implicar a segundos e terceiros é unha das claves para entender a interactividade da mostra. Tódolos visitantes terán ocasión de deixar os seus nomes e as súas lembranzas persoais nas fotos, cóntase dende El Progreso. En boa medida, do que se trata é de converter a mostra nunha rede social, tal e como se sinala, con cada integrante da comunidade achegando comentarios e mensaxes sobre as devanditas imaxes. O froito de todo isto será unha mostra en desenvolvemento continuo, igual que unha rede social ou unha comunidade en liña.
Estas e outras imaxes artéllanse nunha serie de paneis de grandes dimensións, acompañados de textos dirixidos a divulgar a vida e o legado literario de Lois Pereiro. A maiores, ofrécense anacos audiovisuais das entrevistas nas que participou o autor e das curtas (como Val de Bágoas), reportaxes e obras musicais nas que participou.
A mostra intégrase dentro dunha completa iniciativa cultural do Concello de Monforte, toda ela encamiñada á divulgación do poeta local.

PUBLICIDADE