O Concello de Moeche sobe ao carro da participación na súa nova web, moeche.gal

martes, 8 de agosto do 2017 Redacción

O Concello de Moeche vén de estrear nova páxina web baixo o dominio moeche.gal. O sitio, un espazo remodelado e con novos servizos para as veciñas e veciños, susténtase sobre tres piares fundamentais: participación veciñal, transparencia e usabilidade. Ademais, o obxectivo do Goberno local é converter a páxina nunha canle referencial de información sobre todo tipo de accións do Concello ou do tecido asociativo local. Ademais, quérese impulsar como unha plataforma para o impulso do turismo e, polo tanto, para visualizar ante a comunidade internauta os atractivos do concello. Segundo informa o Concello, a páxina seguirá evolucionando en datas vindeiras “cara a unha maior información e participación”.
Respecto do proceso de modernización da súa páxina web, o Goberno local sinala que se concibiu dende a súa orixe como “unha necesidade no desenvolvemento actual da vida municipal”, tanto para fornecer de información á veciñanza sobre servizos e actividades municipais como para mostrar ao detalle a realidade asociativa do concello, como (tamén) para ser unha vía de participación e transparencia.
A nova web, desenvolvida por Gnomio portal web municipal, ofrece un amplo abano de contidos (feiras, servizos municipais, rutas, datos estatísticos, patrimonio, un completo apartado sobre o Castelo de Moeche, axenda, novas, andainas, boletíns, galerías de fotos, etc) e unha vertente de comunicación directa cos veciños a través da que se quere informalos de incidencias e avisos urxentes (cortes de auga, árbores caídas, cortes de estradas, etc). Esta vertente de comunicación directa cos teléfonos móbiles das persoas residentes, sinala o Concello, é o elemento fundamental do novo traballo web.
Segundo engade o Goberno local nun plano máis detallado, o novo sistema de información inclúe a comunicación directa coa alcaldía, a posta a disposición de audios e textos das sesións plenarias, o estado de execución dos investimentos principais, un espazo para consulta de todas as redes sociais relacionadas co Concello e a comunicación veciñal a través dun mecanismo que facilita trasladarlle incidencias á Administración local.
Polo que respecta ás asociacións, ofrécese un apartado para cada unha delas, no que contan cun espazo de seu para comunicar as súas actividades e información.
Ao tempo, partindo da importancia das informacións na actualidade, o sistema publica automaticamente na web municipal e nas redes sociais as novas municipais.

PUBLICIDADE