O Concello de Lugo xestionará cun sistema informático o seu novo alumeado no río Rato

venres, 28 de decembro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo e o Concello inauguraron hoxe o novo alumeado do paseo fluvial do río Rato e a estrada LU-P-2925. Segundo fixeron saber o presidente Darío Campos e a alcaldesa Lara Méndez, a infraestrutura enerxética contou cun investimento de 750.000 euros do Executivo provincial. O alumeado abrangue un treito de 7 quilómetros, entre a avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, no que se situaron 283 puntos de luz ecolóxicos (LED): un total de 103 luminarias na estrada e 147 no paseo fluvial. As luces, cuxa intensidade oscila entre os 179 vatios e os 12,5 (tendo en conta o seu emprazamento para respectar a sustentabilidade), acompáñanse dun sistema informático para facer seguimento a distancia do equipamento.
Segundo informaron, as probas de funcionamento da aplicación tecnolóxica faranse primeiro dende a Axencia Provincial da Enerxía para logo ser xestionada polo Concello de Lugo. Permitirá, entre outras cousas, regular a intensidade luminosa, aforrar custos ao poder adaptar a luz ás condicións climatolóxicas, e garantir a luminosidade. Nunha pantalla o municipio lugués poderá controlar o correcto funcionamento de cada un dos 283 puntos de luz.

PUBLICIDADE