O Concello de Lugo quere instalar caixeiros nos centros sociais para reducir a fenda dixital dos maiores

venres, 25 de febreiro do 2022 S. P.

O Concello de Lugo comprometeuse a reducir a fenda dixital das persoas maiores, agravada pola crise pandémica e, tamén, polas políticas das entidades financeiras que levan xa tempo trasladando todos os seus servizos ao ámbito tecnolóxico sen achegar a formación e o asesoramento axeitado e descoidando a atención tradicional. En concreto, a alcaldesa Lara Méndez quere contribuír á dixitalización das persoas maiores a través dunha rede de caixeiros automáticos nos centros sociais municipais. A rexedora anunciou que buscará colaboración coas entidades financeiras para conveniar a instalación destes dispositivos, cedéndolles o espazo para instalalos.
O anuncio obedece á vontade do Executivo local de incrementar as dotacións a disposición da veciñanza e, neste caso especialmente, do colectivo da terceira idade (que representa á cuarta parte da poboación lucense) para favorecer que poidan realizar operacións de tipo bancario en dependencias nas que ademais contarán, se así o precisan, coa axuda do persoal municipal para levalas a cabo.
A rexedora presentou a medida ao tecido asociativo dos e das pensionistas que a cualificaron de excelente, “en tanto mellorará a súa sensación de seguridade cando utilicen estes dispositivos por atoparse en inmóbeis vixiados de maneira que poderán acceder a eles con totais garantías”.
Lara Méndez explicou que “durante o encontro, amosámoslles tamén a nosa total disposición para atender as súas reivindicacións e contribuír de xeito proactivo á súa loita, posibilitando accións como esta e sendo receptivos ás súas demandas que igualmente lles faremos chegar ao resto de administracións con competencias na materia”, afirmou a rexedora.
Méndez avanzou tamén que “dende a área de Benestar incorporarase aos cursos de dixitalización para maiores que desenvolvemos actualmente, formación específica vencellada ao manexo das tecnoloxías en todo o que ten que ver, de xeito máis concreto, coas entidades bancarias”. Trátase de obradoiros dirixidos á poboación maior de 65 anos nos que se imparte ensinanza informática para que as persoas asistentes gañen competencias e adquiran destrezas na realización de trámites telemáticos dentro dos que se inclúen peticións de citas previas, a participación en vídeo-conferencias, o coñecemento de webs informativas ou o manexo do correo electrónico e das redes sociais.

PUBLICIDADE