O Concello de Lugo incorpórase á Rede Innpulso como municipio español referente no ámbito da ciencia e a innovación

luns, 14 de agosto do 2023 S. P.

A alcaldesa Lara Méndez e a ministra de Ciencia Diana Morant nunha imaxe de arquivo

O pleno municipal de Lugo vén de aprobar a incorporación do Concello á Asociación Rede Innpulso (ARINN), un foro de encontro de todos aqueles municipios distinguidos co galardón Ciudad da Ciencia e a Innovación, que outorga anualmente o Ministerio de Ciencia e Innovación, coa finalidade de avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.
O obxectivo da ARINN é “recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de ciencia e innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes á Rede, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros municipios para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo económico e social sustentábel, baseado no coñecemento e a innovación”.
A alcaldesa Lara Méndez subliñou que “para nós é un orgullo formar parte desta rede, a través da que achegar, na medida do posíbel, as nosas boas prácticas, pero, sobre todo, para seguir aprendendo e desenvolvendo accións no noso territorio encamiñadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
O Ministerio concedeu neste 2023 a distinción de Ciudad da Ciencia e a Innovación a dez novas localidades, entre as que se atopa Lugo, xunto a Algemesí (Valencia), Castelldefels (Barcelona), Irún (Guipúscoa), Puerto Real (Cádiz), Riba-Vermella de Turia (Valencia), Rubí (Barcelona), Sagunto (Valencia), L’’Hospitalet de Llobregat (Bacelona) e Vitoria Gasteiz (Áraba).
A Rede Innpulso é un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras e un espazo onde se comparten boas prácticas na súa xestión e na das iniciativas de comunicación para trasladar estes proxectos á cidadanía. Esta Rede, segundo lembra o Concello de Lugo, é “un axente cada vez máis activo de promoción de novas accións, como a compra pública de innovación, o apoio ás pemes e os emprendedores e a definición de criterios”.
Tamén promove e apoia a participación en proxectos no contexto dos programas europeos.
Ademais do devandito, o Ministerio de Ciencia e Innovación está a destinar 10 millóns de euros para a incorporación de axentes locais de innovación nos concellos da Rede Innpulso. Deste xeito, grazas á súa incorporación na devandita rede, o Concello de Lugo poderá acceder ás axudas para contratar persoal cualificado nesta materia.

PUBLICIDADE