O Concello de Lugo e AMTEGA traballan nas parroquias para mellorar a cobertura móbil no rural

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural que dirixe Miguel Fernández, está dar pasos para mellorar a cobertura móbil nas parroquias do termo municipal. Faino coa procura de terreos que permitan a instalación de torres de comunicación, un labor que comezou xa no mandato pasado e que nos últimos meses abrangueu tamén a colaboración con AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na localización das parcelas máis axeitadas.
Ao devandito, explicou o Concello, súmanse as tarefas de intermediación coa veciñanza que reside nos núcleos para propiciar a cesión dos predios que o propio ente autonómico considerou como máis axeitados ou idóneos para localizar os equipamentos.
En concreto, a Concellería de Impulso Rural mantivo xa conversas coa veciñanza de Santa María Alta, onde a superficie seleccionada pola AMTEGA correspóndese cun monte en man común. “Nestes momentos o proceso está en fase de negociación para posibilitar que os titulares destas terras cedan a súa utilización para poder mellorar as conexións telefónicas de toda a zona”, explicaron fontes do Concello, engadindo que se está a traballar nas parroquias de Gondar e Piñeiro para facilitar a posta a disposición de parcelas que se adapten ao requirimentos da axencia galega.
Amais, o Concello de Lugo presentou un informe na Dirección Xeral de Telecomunicacións no que se recollían as necesidades dos diferentes núcleos do rural en canto á mellora de telefonía e conexión a Internet. “O obxectivo era sinalar os puntos nos que as administracións competentes deben actuar con maior inmediatez para garantir a igualdade de oportunidades e dereitos en todo o municipio en canto á dixitalización do territorio, un cometido que seguimos a desenvolver, brindando a máxima cooperación posible e vixiantes de que os compromisos anunciados se cumpran”.

PUBLICIDADE