O Concello de Lugo axilizará as licenzas urbanísticas coa plataforma dixital do Colexio de Arquitectos

martes, 2 de xuño do 2020 S. P.

O Concello de Lugo deu este 2 de xuño un novo paso no seu avance cara a plena eAdministración, ou sexa, cara un estado de cousas no que toda relación, comunicación e tramitación que se faga coa administración local, poida levarse a cabo telematicamente e con plenas garantías de validez e seguridade. Estamos a falar do convenio asinado entre o Goberno local e o Colexio de Arquitectos de Galicia, un acordo que permitirá ao concello axilizar a tramitación de licenzas urbanísticas coa plataforma dixital do colexio.
O convenio foi formalizado entre a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, maila alcaldesa, Lara Méndez. Segundo fixeron saber, o obxectivo concreto é “impulsar e simplificar a tramitación das licencias e outros actos urbanísticos ao permitir que o Concello descargue a documentación técnica dos solicitantes a través da plataforma dixital do COAG”.
O convenio, que terá a vixencia dun ano, suporá unha redución de custos económicos e de cargas administrativas para as persoas físicas e xurídicas solicitantes, xa que non terán que achegar nin incorporar nas peticións de licencias documentación que xa estea visada polo COAG, ademais de minorar tamén a carga do traballo do rexistro presencial do Concello e na área Urbanística.
A rexedora salientou que “o acordo permitirá axilizar a xestión do 95% dos procedementos urbanísticos que requiren visado e son tramitados polo Concello e, ademais, implicará beneficios aparellados como os medioambientais e a transparencia na xestión, que son claves tamén no noso modelo de cidade”. Amais, destacou que a tecnoloxía da que poderá facer uso a Administración local brindará “validez legal á documentación que se incorpora nos expedientes administrativos”, e certificará a seguridade xurídica de todos os actos administrativos.
Na sinatura tamén estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, así como a presidenta da delegación de Lugo do colexio profesional, Carmen Figueiras. Esta última e máis Elena Ampudia explicaron que “o uso da plataforma colexial, como gran contedor de documentación, garante a implantación e desenvolvemento da tramitación telemática nas administracións de maneira eficiente con independencia do grao de desenvolvemento tecnolóxico do administrado”. O convenio tamén permitirá a normalización da documentación técnica e administrativa de carácter xeral.

PUBLICIDADE