O Concello de Lugo aposta pola redes sociais para o seu programa de actividades de Nadal

luns, 21 de decembro do 2020 Redacción

O Concello de Lugo achega este ano un completo programa de actividades de Nadal, unha axenda que, por mor das circunstancias que estamos a pasar, desenvolverase en parte a través de streaming e das redes sociais. A adaptación ao tecnolóxico afecta non só ao formato das actividades senón tamén ao contido, posto que tamén se inclúen accións como por exemplo un concurso creativo a través da rede social Tik Tok.
A edil de Xuventude Ana Gónzalez Abelleira, presentou a semana pasada a programación de Nadal, e mostrou a súa satisfacción á hora de presentar os eventos por streaming a través das redes sociais do Concello de Lugo. Isto tamén afectará ás sesión de música en directo do 31 de decembro e do 5 de xaneiro, datas nas que a mocidade local poderá ver dende os seus fogares concertos de EME DJ, Cora Novoa, Babykatze e Marcos Peón.
Segundo fixo saber, a axenda priorizará o formato virtual, mantendo as actividades presenciais “que poidan realizarse en espazos abertos e coas medidas de control de aforo necesarias para cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención da propagación da COVID-19”.
Amais do concurso de Tik Tok, inclúense obradoiros de cociña, xogos tradicionais e un Escape Room, que xirará arredor das aventuras de Sherlock Holmes.

PUBLICIDADE