O Concello de Lugo achega oito obradoiros de balde ao abeiro de Tecno Verán

xoves, 22 de xuño do 2017 Redacción

O Concello de Lugo presentou esta semana a súa oferta formativa tecnolóxica para estes meses de xullo e agosto, o programa de actividades Tecno Verán. Trátase, segundo fixo saber a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, dunha serie de obradoiros interxeracionais previstos para seren desenvolvidos nas aulas CEMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), situadas nos centros de convivencia María Balteira e O Castiñeiro. Ofrecerá 120 prazas en oito cursos gratuítos sobre novas tecnoloxías, dirixidos a todas as idades. Os obradoiros levaranse a cabo de luns a venres, cun máximo de 15 prazas.
Na aula de María Balteira terán lugar os seguintes:
· Iniciación á Informática para nenas e nenos, con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos, en horario de 10:00 a 13:00 horas, en datas do o 3 ao 14 de xullo.
· Edición de Fotografía e Vídeo para nenas e nenos, de 8 a 14 anos. De 10:00 a 13:00 horas, dende o 17 de xullo ao 1 de agosto.
· Iniciación Openoffice, dende os 14 anos en diante, horario de 10:00 a 13:00 horas, dende o 7 ao 22 de agosto.
· Aprende a Usar a túa Tableta, a partir dos 14 anos, de 10:00 a 12:00 horas, dende o 28 de agosto até o 1 de setembro (é preciso, para participarmos neste obradoiro, dispor dunha tableta).
Na aula do Castiñeiro impartiranse as seguintes actividades:
· Iniciación á Informática para nenas e nenos (nivel 0). En horario de 10:00 a 13:00 horas, dende o 3 ao 14 de xullo.
· Edición de Fotografía e Vídeo para nenas e nenos, de 10:00 a 13:00 horas, dende o 17 de xullo ao 1 de agosto.
· Iniciación Openoffice, a partir do 14 anos, de 10:00 a 13:00 horas, dende o 7 ao 22 de agosto.
· Aprende a Usar a túa Tableta, a partir do 14 anos, de 10:00 a 12:00 horas, dende o 28 de agosto ata o 1 de setembro (preciso, para participarmos neste obradoiro, dispor dunha tableta).
O máximo de alumnos será de 15, establecéndose en 8 o mínimo para celebrarse cada un dos obradoiros.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición no Edificio de Novas Tecnoloxías do casco vello lucense, até as 20:00 horas do xoves da semana anterior á celebración do obradoiro finalmente elixido. Segundo informa o Concello, cada persoa só se poderá inscribir en dous cursos e só no caso en que fiquen prazas baleiras poderase admitir a inscrición en máis de dous obradoiros. O acceso ás actividades formativas será por sorteo, a celebrar ás 11:00 horas do día seguinte ao peche da inscrición. A lista de admitidos poderase consultar na páxina web do Concello www.lugo.gal, no centro de referencia ou no teléfono de información municipal 010.

PUBLICIDADE