O Concello de Ferrol estrea a licitación electrónica

luns, 11 de novembro do 2019 Redacción

O Concello de Ferrol vén de estrear o seu servizo de licitación electrónica, e faino cunha medida concreta e pioneira na historia do municipio galego: publicando na Plataforma de Contratación do Sector Público un anuncio que recolle este requisito para a presentación de ofertas, en concreto a pavimentación e o asfaltado do camiño das Cabazas, en Covas, unha obra que pon fin ás actuacións contempladas no POS do 2016.
O proceso fixa un período de 20 días para a presentación de ofertas, tras os cales celebrarase a primeira mesa de contratación electrónica do Concello de Ferrol, “coa que por fin se abre a porta ao século XXI para este tipo de procedementos”, segundo o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, CRI e Organización Interna, Julián Reina.
Reina engadiu que “ao mesmo tempo que se tramita este expediente”, o seu departamento traballa para axilizar os proxectos dos POS correspondentes a 2017 e 2018 co fin de “rematar cos atrasos e poñer ao Concello ao día en canto a inversións para a cidade dependentes de plans provinciais”.

PUBLICIDADE