O Concello de Cambre destinará 6.000 euros á compra de equipos informáticos

venres, 25 de xuño do 2021 S. P.

O Concello de Cambre anunciou este mes de xuño que vai incrementar a contía das bolsas estudo nun 33% e que este medre destinarase en parte á compra de equipos informáticos (computadores portátiles ou de mesa, tabletas, ratos, impresoras e USB), cos que facer fronte á nova situación xerada pola pandemia de COVID, que fixo máis necesaria ca nunca a dixitalización docente, tanto nas escolas coma nos fogares.
A incorporación desta nova contía permitirá ao alumnado “continuar co proceso de aprendizaxe desde as súas casas, contribuíndo, ademais, a eliminar a fenda dixital dos veciños e veciñas do municipio”, sinalou o concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, poñendo o foco noutra novidade, relativa desta volta ás persoas destinatarias desta prestación: a diferenza doutros anos, os estudantes de Educación Especial e ESO poderán optar á liña de compra de sistemas informáticos.
As axudas para o curso 2021/2022 ascenderán a 24.000 euros, dos cales 6.000 servirán para financiar os gastos derivados da compra de equipos informáticos. Neste caso, estarán dirixidas ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, aos matriculados de ESO e aos de Educación Especial e poderán presentarse facturas emitidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 15 de outubro.

PUBLICIDADE