O Concello de Cambados lanza unha nova web ao servizo da mocidade

martes, 9 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Cambados segue a ampliar os seus horizontes dixitais, avanzando nun proceso de renovación ou creación de páxinas que xa atinxiu (recentemente) ao seu obradoiro de emprego, entre outros servizos e departamentos. Esta liña de traballo (en palabras do Goberno local “un xeito de achegar á veciñanza o traballo municipal”) vén de abranguer tamén a web da Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, que irrompe na Internet para converterse “nun escaparate no que a mocidade descubra e coñeza servizos nos que que non repararía se non fose pola súa presenza en liña”. Podémola ver en http://omix.cambados.es.
A OMIX, situada no centro sociocultural da Merced, é a casa da xuventude de Cambados, e ofrece actividade tanto de formación a través de diversos cursos, como de información sobre os máis diversos eidos de interese da mocidade. Até o de agora, o labor comunicativo e participativo da OMIX levábase a cabo principalmente a través do seu perfil de Facebook e (tamén) na sección de seu da web municipal, pero a idea era permitir que dese, con esta páxina propia, un “salto de calidade”. Segundo engade o Concello, “trátase dunha páxina que nace con vocación de servizo e que servirá por exemplo como axuda aos mozos e mozas que queiran poñer en marcha unha idea e precisen ese asesoramento sempre necesario”.
A web, entre outros recursos, conta cunha ferramenta para axudar a confeccionar un currículo en liña, e para solicitar unha serie de carnés que aportan varias vantaxes como o carné xove, estudante ou de familia numerosa. Tamén se informará no sitio en liña de todas as actividades e eventos organizados polo Concello neste ámbito, coma cursos, obradoiros, xornadas de lecer alternativo ou concertos xuvenís.
O desenvolvemento desta web, así coma das outras webs temáticas, foi levado a cabo por persoal municipal, empregando ferramentas de balde, polo que non supuxo ningún custe para as arcas municipais.

PUBLICIDADE