O Concello de Brión convoca tres novos cursos de informática

xoves, 8 de marzo do 2012 Raquel Noya

De aquí ao vindeiro 30 de marzo, as persoas interesadas en adquirir coñecementos básicos de Power Point ou Microsoft Word 97, teñen aberto o prazo para inscribirse nos cursos que vai levar a cabo o Concello coruñés de Brión, un dos máis comprometidos de Galicia en incorporar as TIC no día a día dos seus veciños e veciñas.
Serán dous cursos de Power Point, o software de Microsoft deseñado para facer presentacións multimedia con diapositivas, e un a maiores de tratamento de textos, de utilidade para as persoas interesadas en crear documentos de seu.
Os tres cursos celebraranse no Telecentro de comunicacións de Brión a partir do vindeiro mes de abril, e a admisións dos alumnos realizarase por estrita orde de inscrición, tendo preferencia os veciños e veciñas do Concello.
O curso de Microsoft Word 2007 terá lugar os martes e xoves entre o 17 de abril ao 28 de xuño en horario de 20:00 a 22:00 horas, e terá unha cota única de 50 euros.
No caso dos cursos de Power Point, a organización oferta a posibilidade de organizar grupos de mañá (en horario de 10:30 a 12:30 horas), e de tarde (entre as 20:00 e as 22:00 horas). Neste caso as clases terán lugar os luns, mércores e venres entre o 23 de abril e o 16 de maio, e o prezo total polas 20 horas lectivas é de 30 euros.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo acudindo persoalmente á Casa da Cultura do Concello de Brión, ou chamando ao teléfono 981 509 908, onde recibirán máis información se o desexan.

PUBLICIDADE