O Concello de Boiro dixitaliza os recursos turísticos locais, que poderemos coñecer a fondo con códigos QR

martes, 7 de marzo do 2023 S. P.

O Concello de Boiro, froito do seu intenso traballo dixitalizando os recursos turísticos do municipio, presentou unha iniciativa tecnolóxica que facilita a visitantes e residentes o coñecemento dos tesouros locais e faino a través dun sistema de información dixital multilinguaxe. O sistema foi dado a coñecer polo concelleiro de Turismo, Carlos Muñiz, este martes 7 de marzo dende o Consistorio boirense.
Segundo fixo saber o edil, o proxecto responde a unha fonda transformación dos sectores máis relacionados co turismo, mergullados nun proceso de dixitalización que é máis acelerado cá media da economía española e que “nos próximos anos será clave que estes sectores sexan quen de adaptarse e facer unha aposta clara pola innovación e mellorar a súa capacidade de crecemento a longo prazo”.
O acceso á información do concello de Boiro está pensado mediante o escaneo de códigos QR que estarán instalados nos puntos de referencia turística sen necesidade de descargar ningunha aplicación móbil. “Cada recurso”, comentou Carlos Muñiz, contará cun texto explicativo, unha galería de imaxes e un audio en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés.
Neste momento estase a traballar na confección das guías dos recursos para a instalación dos códigos QR, que estarán dispoñíbeis nas vindeiras semanas e iranse ampliando co tempo para chegar ao maior número de recursos turísticos e información posíbel.

PUBLICIDADE