O Concello de Baiona organiza un curso básico de informática

venres, 28 de outubro do 2016 Redacción

Posuír uns coñecementos básicos de informática poderiamos dicir que é algo fundamental a día de hoxe, pois a tendencia é que todo pase por e pola Rede nun futuro non moi afastado. Pensando nisto, o Concello de Baiona pon en marcha, a través da Concellaría de Novas Tecnoloxías, un curso de Informática básica. Así, a Concellaría e o Departamento de Traballo, de cara a fomentar a formación e o emprego, convoca un curso de carácter presencial de iniciación á Informática. Esta actividade formativa quer ensinar ás persoas que carezan de coñecementos no eido das novas tecnoloxías da comunicación, como empregar as funcións básicas de Windows no computador, como conectarse a internet e as súas funcionalidades.
Indo ao curso, este terá unha duración de 20 horas e impartirase no Centro Antena A Foz do Miñor, (casa rosa) os martes e xoves de 16 a 18 horas, comezando o 15 de novembro e finalizando o 22 de decembro. O seu custo é de 15 euros.
É preciso salientar que as prazas son limitas e terán preferencia os empadroados en Baiona. Outorgaráselle un certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade ao curso e, no caso de superaren os criterios de avaliación, un certificado de aproveitamento.
O prazo de presentación de instancias daba comezo onte (27 de outubro) e remata o xoves 10 de novembro. Os interesados en participar deberán inscribirse no rexistro xeral do Concello de Baiona (Casa Consistorial, rúa Lorenzo da Carreira, 17).

PUBLICIDADE