O Concello de Ames habilita unha nova plataforma web para os plenos municipais

xoves, 16 de xullo do 2020 S. P.

O proceso de transformación tecnolóxica dos nosos concellos segue a dar pasos de xigante. Sen ir máis lonxe, este 16 de xullo o Concello de Ames presentou un novo portal web destinado a permitir que a cidadanía vexa online aos plenos da corporación. Trátase dunha plataforma na que se acubillan as sesións municipais dende novembro de 2016 (intre no que comezaron, en fase de proba, as gravacións do plenos a través da aplicación VídeoActa que ofrece a empresa Ambiser), á que a veciñanza pode acceder a través dun banner situado a pé de páxina da web do Concello, entre outras canles de acceso.
Os antecedentes
Para poder dispor dunha plataforma web que albergase os vídeos, o 31 de outubro de 2019 o Concello de Ames aprobou o expediente de licitación, mediante procedemento negociado sen publicidade previa e suxeito a tramitación anticipada, do servizo de mantemento e soporte do sistema de VídeoActa e do servizo de hospedaxe web e almacenamento en servidor externo do Concello, convocando a súa licitación.
Trala correspondente tramitación do expediente de licitación, o pasado 23 de xaneiro de 2020 adxudicouse o contrato dito servizo á empresa Ambiser Innovaciones S.L. por un importe total de 19.660,73 euros (IVE incluído) e por un período de catro anos (ata 2023). A oferta económica inclúe o servizo de soporte, mantemento e backups por 9.425,92 euros; o servizo de instalación e migración do Centro de Procesamento de Datos (CPD) por 1.450,21 euros; e mailo servizo de hospedaxe por 8.784,60 euros. O Concello de Ames abonará o importe total de dito contratos dividido en catro anualidade (2020-2023).
Segundo engade o Goberno local, o portal web de VídeoActas ademais dos plenos das sesións plenarias tamén dispón de dous apartados máis onde se poden acubillar as reunións da mesa xeral de negociación e do comité de seguridade e saúde.
Pódese acceder a dita web a través dun banner que está ao pé da páxina de inicio da web municipal ou a través do apartado de Atención cidadá, información e participación; Comunicación municipal; Medios de comunicación municipais; Videoteca. Tamén se poden ver ditos vídeos no buscador das sesións de plenos da páxina web municipal.

PUBLICIDADE