O Concello de Ames e Ficción Producciones estudan colaboracións a nivel de novos contidos

mércores, 2 de febreiro do 2022 S. P.

O Concello de Ames continuou este mércores 2 de febreiro a súa rolda de contactos coas empresas do sector audiovisual e de contidos dixitais que teñen instalacións radicadas en Ames. Neste caso o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron as instalación da empresa Ficción Producciones que están situadas na rúa das Hedras, no Parque Empresarial Novo Milladoiro.
Durante a visita Blas García e Ana Belén Paz puideron coñecer as instalacións da produtora e tamén abordaron con Julio Casal, xerente da produtora, e Toni Veiga, director de produción, traballos conxuntos de cara ao futuro. En concreto, na toma de contacto falouse dunha “posíbel colaboración para traballar en futuros proxectos en común”, que sirvan para poñer en valor tanto ao concello de Ames como ao sector audiovisual que está implantado no noso municipio, e que se diversifica en varios ámbitos.
Ficción Producciones naceu en maio de 2003 como empresa independente adicada á produción audiovisual de contidos de ficción e de animación para o mercado nacional e internacional. Está constituída por un equipo humano creativo con ampla formación empresarial. Con máis de 18 anos de experiencia conseguiu un constante crecemento e posicionamento no sector.
Ten acadado importantes éxitos con contribucións ao novo cinema tan relevantes como Meñique, a primeira longametraxe de animación 3D Cuba-España, que supuxo un éxito rotundo no país cubano e conseguindo ser nomeada na edición dos Premios Goya 2015. A nivel de contidos en liña, novos formatos e innovación audiovisual, é co-responsábel da plataforma galega de contidos interactivos PetisGo! e, remontándonos un algo no tempo, do videoxogo das Cantareiras de Ardebullo e da serie Tutu e os seus complementos para móbiles e tabletas.

PUBLICIDADE