O Concello de Ames e AGASOL favorecerán a dixitalización da cidadanía con software libre e reciclaxe de equipos

luns, 30 de maio do 2022 S. P.

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ames uniu forzas coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) para o lanzamento de dúas iniciativas de alfabetización dixital, sustentabilidade e acción solidario-tecnolóxica. Estamos a falar da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre do Concello así como do Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre. Entre os obxectivos da oficina, situada no antigo centro de saúde, figuran os de reducir a fenda TIC para colectivos vulnerábeis e minorar o lixo electrónico no municipio. Do seu seo sairán actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten.
Ademais, ofrecerase axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e será un punto de encontro onde aprender, compartir e construír. O local estará situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.
Por outra banda, o Banco de Reciclaxe Electrónica de Software Libre recollerá equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos. En concreto, recolleranse ordenadores portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado, rato...) e compoñentes internos (RAM, HDD...). Estes equipos formataranse e serán reacondicionados para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de risco de exclusión.
Na presentación formal do acordo (celebrada este luns 30 de maio na Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns) fíxose saber que os compoñentes e pezas a substituír para a reparación dos equipos correrán da conta de AGASOL. Esta iniciativa, engadiuse, “tamén valorará a posibilidade de ofrecer apoio e soporte no eido do software libre para as empresas e entidades da contorna”.
Ao acto deste 30 de maio asistiron Luisa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Voluntariado; Carlos Rodríguez, presidente de AGASOL; Luis Alberto Fernández, xerente de AGASOL; Rubén Ramos, coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames; Soraya Añón, educadora familiar do Concello de Ames; Sergio Fernández, responsábel de voluntariado de Enxeñaría Sen Fronteiras; Iván Tourís, responsábel do banco de reciclaxe electrónica de Teo, e Jorge Lema, voluntario do banco de reciclaxe electrónica da Coruña.
A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luisa Feijóo, recordou que “a pandemia fixo moito máis evidente a fenda dixital e que as administracións deben traballar non só para que sexa máis fácil acceder, senón que todas e todos poidamos facelo”. E engadiu: “En 2020 púxose en manifesto unha fenda dixital moito máis grande do que pensabamos, nun momento no que todo se facía de xeito virtual e no que a xente se vía afectada, xa fora por idade, por formación ou mesmo polas súas circunstancias económicas. Durante a pandemia dende Voluntariado pedimos ás veciñas e veciños que nos achegaran equipos vellos en desuso, e acabamos repartindo uns doce. Agora a idea é facelo moito mellor e chegar a moita máis xente, a parte de tocar aspectos como a redución do consumo do lixo electrónico, así como a implantación do software libre, que creo que é unha das ferramentas para ao acceso universal ás tecnoloxías da información”.
Pola súa banda, o presidente de AGASOL, Carlos Rodríguez, resaltou a importancia do software libre á hora de garantir o acceso universal ás tecnoloxías da información. “Quero agradecer que contedes connosco para este proxecto, cando escoitamos estas palabras sobre o software libre latéxanos o corazón, non só e instalar algo, é darlle liberdade e máis posibilidades ás persoas”.
Ademais, o xerente de AGASOL, Luis Alberto Fernández, compartiu algúns dos obxectivos desta iniciativa: “A finalidade é intentar romper a fenda dixital usando tecnoloxía libre. Isto arrinca, temos xa experiencia en varios bancos de reciclaxe e queremos ver o que se demanda no eido da formación e dos servizos para ir construíndo. Adaptarnos ao que necesita a xente e propoñer, que sexa beneficioso e que a xente saiba que estamos aí para axudar”.
Tamén engadiron que todos os sistemas operativos que se utilicen, así como os programas instalados, serán libres. “Isto permitirá”, explicaron, “que as persoas usuarias finais dos equipos queden libres de pagar licenzas e de ter restrinxido o seu uso. Desta forma, conséguese loitar contra a obsolescencia de moitos equipos debida a cambios de versión dun sistema operativo propietario que, co paso do tempo, consume e necesita máis recursos”.

PUBLICIDADE