O Concello de Ames achega as últimas prazas libres para os seus cursos de alfabetización TIC no rural

martes, 7 de setembro do 2021 S. P.

A Concellaría de Cultura de Ames organizou, dende setembro ata decembro, un curso de alfabetización dixital nas parroquias do rural. Os cursos das parroquias de Agrón, Trasmonte, Aguapesada, Covas, Tapia e Ameixenda xa están completos, pero, segundo informan dende o Consistorio, aínda quedan prazas nas parroquias de Bugallido, Biduído e Ortoño. Para inscribirse é preciso chamar ao número de teléfono 615 401 264 ou 626 540 755.
Organizado pola Concellaría de Cultura o curso de Alfabetización dixital no rural enmárcase na proposta de adquisición de competencias tecnolóxicas dos Orzamentos Participativos do ano 2019. Esta actividade formativa está deseñada para achegar coñecementos sobre as novas tecnoloxías ao rural de Ames. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana.
Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da Rede, aspectos de seguridade a ter en conta, etc.
Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE