O Concello da Coruña renovará o deseño do seu portal web en abril

luns, 4 de marzo do 2019 Redacción

A concelleira de Participación e Innovación Democrática da Coruña, Claudia Delso, presentou esta mañá o proxecto de mellora do portal web municipal herculino, que a partires do mes de abril presentará un novo deseño e reestruturación da información, ademais de reagrupar máis de 40 páxinas webs municipais nunha mesma plataforma.
Delso asegurou que o novo espazo «será un portal web máis sinxelo, que responderá ás demandas informativas da veciñanza que recibimos a través do 010 e da analítica web, e cun deseño máis adaptado aos novos tempos nos que o acceso é, maioritariamente, a través de dispositivos móbiles», engadindo que o obxectivo da mellora «non é outro que atender unha demanda continua, ademais dun compromiso da axenda dixital deste goberno, como é o de contar cun portal que sexa unha ferramenta útil e accesible, deseñada e planificada para o uso da veciñanza e que fomente, realmente, a interacción entre a administración e a cidadanía».
O novo portal culmina un proceso participado pola Administración local, asesoría externa e a propia veciñanza. «En setembro de 2017 puxemos en marcha un estudo de usabilidade e experiencia de usuario e para coñecer o uso real do portal por parte da veciñanza, as súas necesidades de información, os servizos máis demandados e que non existen no portal, e dar coa proposta de organización dos contidos máis próxima á cidadanía», explicou a edil. No marco desde proceso, realizouse unha enquisa voluntaria á veciñanza sobre o uso do web, no que participaron 1.890 persoas, ademais de diversas consultas a persoal experto e un test con usuarias e usuarios habituais do portal. Durante todo este período, tivo lugar tamén, de xeito continuado, unha revisión da analítica web e, finalmente, recolléronse 1.216 opinións e achegas das usuarias de páxinas e servizos. A través desta consulta, e logo dos traballos previos, detectáronse cuestións sobre a navegación no actual portal que impedían un acceso claro aos contidos solicitados, especialmente a través de dispositivos móbiles, que supoñen o 60% dos accesos.
A primeira fase da implantación das melloras, que inclúen un novo menú por temas, buscador e configuración principal, está prevista para o mes de abril. Logo das primeiras semanas de posta en marcha e uso por parte da veciñanza, e de recibir as súas achegas, iniciarase o desenvolvemento da segunda fase de melloras, que inclúe a implantación da organización por distribución xeográfica (a través do Mapa de Distritos) ou incluso por perfís de idade ou interese.

Vídeo de presentación das novidades que incorporará o portal web municipal herculino

PUBLICIDADE