O Concello da Coruña converterá a Tartexa Millennium nunha identidade dixital
luns, 24 de agosto do 2020
O
Concello
da Coruña vai facer que a Tarxeta Millennium suba un novo chanzo en
innovación e en funcionalidades. E farao converténdoa “nunha
verdadeira identidade dixital” que poderá carrexarse no móbil de
cada quen, o que permitirá, en palabras do Goberno local, “ampliar
o número de servizos que presta na actualidade”. Por exemplo
adquirir entradas para espectáculos, formalizar a inscrición en
programas de lecer de centros cívicos ou acceder a instalacións
deportivas.
O
requisito para botar man destas posibilidades é facilitar unha conta
de correo ou móbil ou ben usando as credenciais de acceso dalgunha
rede social (Twitter, Google, Facebook) que xa teña a persoa
usuaria.
O
Concello explicou que a identidade dixital incorpora un código QR
que se poderá xerar desde calquera teléfono móbil (Android/iOS)
e que permitirá o acceso aos servizos municipais. Os trámites para
obter a Tarxeta Millennium, que agora precisan de cita previa e do
desprazamento das persoas usuarias a algunha oficina municipal, tamén
serán obxecto de simplificación, “xa que tanto as novas
solicitudes como as substitucións por deterioro ou perda da tarxeta
se realizarán a través de Internet”, apuntaron fontes do Goberno
local, engadindo que o proxecto licitarase os días vindeiros por un
importe de 200.000 euros, co-financiado polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo
plurirrexional de España 2014-2020.
O
Concello lembrou tamén que a aplicación móbil Millennium, que
permite pagar o autobús urbano, atópase arestora en fase piloto cun
total de 250 persoas usuarias que o Concello duplicará até os 500
co fin de que se estenda o seu uso e se faciliten os trámites
administrativos.