O Concello coruñés de Brión contará cun telecentro no prazo de dous meses

mércores, 25 de marzo do 2009 Raquel Noya

O Concello de Brión, do que tanto vimos falando nos últimos meses polas súas iniciativas no eido da promoción das novas tecnoloxías e Internet entre os seus veciños e veciñas, volve a ocupar un espazo na nosa web ao anunciar que en breve contará cun telecentro de comunicacións para a comarca.
Éste estará ubicado na planta baixa da actual Casa Consistorial e, segundo lle vén de confirmar a Secretaría Xeral de Comunicación, as obras de acondicionamento do antigo salón de plenos para albergar este telecentro xa se van iniciar de inmediato co que podería abrir as súas portas ao público “en apenas un par de meses”.
A consecución deste telecentro para Brión é, segundo afirman, “froito das negociacións mantidas polo alcalde brionés, Xosé Luis García, cos responsables da Secretaría Xeral de Comunicación”. Inicialmente, este proxecto estaba programado para ser executado no ano 2010, máis unha baixa de última hora dun dos proxectos incluídos no exercicio de 2009 para a provincia da Coruña permitiu adiantar a execución do devandito telecentro.
Este novo espazo multimedia contará con capacidade para 24 alumnos, que terán á súa disposición 12 postos informáticos con lector de DNI electrónico, DCD, Monitor TFT de 17” e Headset con micrófono e control de volume, ademais dos correspondentes sistemas operativos e programas multimedia.
Asemade, o telecentro brionés contará cun posto de profesor con capacidade para ata tres relatores, coas mesmas ferramentas que os outros doce postos pero co engadido dun DVD gravador.
O equipamento deste telecentro de comunicacións complétase con impresora láser a cor, proxector con pantalla de proxección motorizada, pantalla de plasma de 42 polgadas, micrófonos de mesa e sen fíos, altofalantes, dúas cámaras motorizadas, pantalla táctil para control audiovisual e de luces, rede WiFi e un rack multimedia (que inclúe mesa de misturas de audio, amplificador, DVD-RW con TDT e videoconferencia).
O recinto, dunha superficie superior aos setenta metros cadrados, complétase cun novo aseo adaptado para minusválidos que se une aos dous xa existentes. Ademais, o local será totalmente accesible para persoas con minusvalía física.
O Concello de Brión pretende inaugurar estas novas instalacións multimedia nun prazo de dous meses, unha vez que rematen as obras de acondicionamento do local e de instalación dos equipos. O obxectivo é que o telecentro esté acondicionado para poder impartir nel os distintos cursos de formación continua que leva a cabo a entidade pública.

PUBLICIDADE