O Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 ponse en pé de loita contra a desigualdade STEM

xoves, 18 de marzo do 2021 S. P.

A Cátedra Feminismos 4.0, impulsada pola UVigo e a Deputación de Pontevedra, vén de dar forma a un Comité de Sabias para loitar por “un futuro dixital en igualdade”. Trátase, en concreto, de combater os importantes desequilibrios que se perpetúan no ámbito tecnolóxico e innovador (no educativo e máis no profesional) e que se evidencian por exemplo en datos como os seguintes: só un 25% das mulleres estudan carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), representando o 25,5% do alumando das enxeñarías, o 12% en Informática, o 8% en Enxeñaría de Telecomunicación ou 11% en Física. Os detalles da iniciativa foron dados a coñecer este 17 de marzo.
Segundo se fixo saber, trátase dunha equipa formada por 14 mulleres referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais, dende enxeñeiras de Telecomunicación e Informática até expertas en Física e Intelixencia Artificial, pasando por mecánicas, filósofas, matemáticas ou filólogas.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, deu a benvida ao comité agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra nesta iniciativa da que “seguro de que van saír cousas boas que clarexen cal é o camiño que temos que seguir para acadar a igualdade real”. Remarcou tamén que para a Universidad de Vigo a loita pola igualdade “é un tema prioritario, que está recollido no noso Plan Estratéxico e que vai marcar o devir da institución”.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou que “hoxe iniciamos un proxecto moi relevante e temos que estarvos moi agradecidas a todas, que quixestes formarte parte del”. Silva fixo fincapé na importancia de que “a sociedade dixital non caia nos mesmos erros nos que caeu a analóxica” e que a tecnoloxía e a dixitalización non repliquen os “nesgos do sistema patriarcal”.
Dous desafíos básicos
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 ten dous obxectivos “urxentes”. O primeiro deles é identificar os retos da sociedade dixital para que as mulleres accedan a ela en condicións dignas e igualitarias. O segundo pasa por definir as accións que deben impulsarse para conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes no universo dixital. Como recollen no manifesto, “as mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está construíndo. Temos que incorporarnos como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter deste xeito os nesgos de xénero na Intelixencia Artificial, na robótica, no Big Data, así como nas empresas emerxentes do eido tecnolóxico e científico”.
Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo explicou que o Comité de Sabias creouse como un xeito de dar continuidade "á rica xenealoxía feminista galega e aos salóns literarios onde intelectuais e feministas da época como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Juana de Vega e moitas outras, se reunían para conversar, realizar lecturas públicas e intercambiar ideas filosóficas progresistas en defensa das mulleres, e loitar polos seus dereitos”. Engadiu que coa creación deste equipo de traballo “réndeselles homenaxe ás sabias populares, mulleres bravas que constitúen un referente de valentía e inconformismo como Pepa A Loba, María Pita, Ernestina Otero e tantas outras que en cada casa, de xeito invisíbel e silandeiro, pero non menos importante, abriron camiños para as xeracións futuras”.
As 14 integrantes
Forman parte do Comité de Sabias as seguintes expertas: Ana Jesús López, profesora na área de enxeñaría mecánica na UDC e membro do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser; Ana Vila, profesora da Universidade de Sydney, socia fundadora e presidenta da asociación internacional Women in Costal Geosciencie & Engineering; Amparo Alonso, catedrática de Intelixencia Artificial e unha das maiores expertas nesta; Coral del Río, catedrática de Economía Aplicada na UVigo e experta en economía feminista; Dhaunae de Vir, especialista en e-sports e embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games; Edita de Lorenzo, profesora da EE de Telecomunicación na UVigo, na que se converteu na primeira muller en dirixir unha escola de enxeñaría en Galicia; Encina Calvo, profesora de física na USC e divulgadora científica no eido das STEM; Mª Luz Castro, socia fundadora da empresa galega imaxin|software, deseñadora de videoxogos, divulgadora e docente; Mari Lires, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da UVigo, pioneira e experta en Estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Xénero e Educación; Mª José R. Malmierca, responsable da Área de E-learning e Colaboración do Cesga; Marta Macho, matemática e divulgadora científica, editora da web Mujeres con Ciencia e profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco; Purificación Mayobre, profesora xubilada de Filosofía na Universidade de Vigo cun destacado percorrido como militante feminista; Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicación especializada en Tratamento Dixital de Sinais na EE de Telecomunicación da UVigo e Susana Martínez-Conde, científica neuronal, catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY).

PUBLICIDADE