O Colexio de Telecos achegou sesións de mentoring ao alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo

xoves, 27 de abril do 2023 S. P.

A estudante Lucía Amaro e Santiago Torres, mentor e enxeñeiro de Telecomunicación

As alumnas e alumnos de último curso do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación puideron participar na primeira das edicións do proceso de mentoring (mentorización) enmarcado no Foro Tecnolóxico de Emprego e organizada polo grupo de traballo de Mentoring e Vocacións TIC do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) en colaboración coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

O enxeñeiro Juan Redondo e o estudante Iván Alejandre

Trátase dunha iniciativa que pretende consolidarse unha vez finalizada a primeira das edicións, debido aos resultados obtidos e ao grao de satisfacción amosado, tanto por parte do alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, como por parte das persoas mentoras, profesionais da enxeñaría de telecomunicación e pertencentes ao COETG.
A iniciativa de mentoring, proceso no que un/ha profesional con experiencia (persoa mentora), acompaña á persoa mentorizada (mentee) co fin de acadar as súas metas e potenciar as súas habilidades e talento mediante conversas e accións de aprendizaxe, xurdiu a partir da necesidade de axudar ao alumnado no tránsito do mundo académico á contorna da empresa e ao emprendemento.
Segundo o responsábel do grupo de Mentoring e Vocacións TIC do COETG e tamén mentor, Juan Redondo, esta actividade completa a formación académica dotando ás persoas de habilidades non técnicas relacionadas coa comunicación, o autocoñecemento e a intelixencia emocional, entre outras.

PUBLICIDADE