O Clúster impulsa un proxecto para achegar enerxía colectiva ao pulo internacional das nosas empresas

xoves, 30 de abril do 2015 Redacción

O Clúster TIC Galicia, a través do seu Grupo de Traballo de Internacionalización, vén de lanzar a primeira edición dunha iniciativa dirixida a xuntar forzas para acadar que o noso sector amplíe o seu radio de acción alén das nosas fronteiras. Trátase do proxecto XportaTIC, e responde a unha arela do Clúster que vén de antigo: a arela de potenciar a relación e a cooperación entre as entidades asociadas para lograr un meirande nivel de competitividade que “nos sitúe no mapa internacional”. A iniciativa encamíñase a crear alianzas entre empresas, centros de coñecemento e institucións para orientar os esforzos na creación de produtos tecnolóxicos con capacidade transfronteiriza. O obxectivo final: emprazar a nosa industria TIC como referente de prestixio a nivel europeo e mundial.
Segundo informa o Clúster acerca da orixe da proposta e a que parámetros e demandas responde, “o 70% das empresas socias teñen interese, en distinta medida, no proceso de internacionalización”. Por iso e para conxugar diferentes intereses constituíuse un Grupo de Traballo Internacionalización no que participan 17 empresas socias.
Asemade, froito das distintas reunións do Grupo e para desenvolver o proxecto XportaTIC, naceu de xeito complementario o Programa Marco Polo, co que se procura pór en coñecemento das empresas que teñen interese en abrirse a mercados externos as experiencias acumuladas de outras compañías que xa abriron camiño e deste xeito aproveitar as súas recomendación e consellos.
A clave estaría pois en aproveitar a experiencia e a bagaxe adquiridas xa por un bo número de firmas da nosa terra. “No Clúster”, informa a plataforma, “hai a día de hoxe máis de 20 empresas multinacionais, espalladas por 74 países dos cinco continentes, sumando conxuntamente máis de 300 sedes; tamén temos empresas sen sede internacional mais con persoal comercial en destino”. Estas realidades son, a xuízo da organización empresarial galega, “dous factores importantes que se poden compartir grazas á xenerosidade e disposición de cooperación que teñen as empresas socias”. E engade: “Esta situación permítenos abrir novas oportunidades e fórmulas para a busca de novos mercados”.
Deste xeito, grazas ao Programa Marco Polo, as empresas que están a estudar a posibilidade de comezar o camiño da internacionalización poden facer unha análise máis fonda e real a través das experiencias e coñecementos das que xa pasaron eses primeiros comezos. O programa executarase en sesións mensuais. “Cada mes”, sinala o Clúster, “teremos oportunidade de coñecer métodos de implantación de distintos produtos e servizos en diferentes países, e tamén saberemos se a empresa xa internacionalizada pode acompañar ou comercializar outros produtos”. Previamente a cada sesión irase facendo difusión das empresas que participan e os principais temas que expoñerá.

PUBLICIDADE