O Clúster TIC reelixe a Rodríguez del Corral e renova o seu tecido executivo

venres, 4 de abril do 2014 Redacción

A asemblea xeral do Clúster TIC Galicia celebrada este xoves en Santiago de Compostela, que avanzamos os días pasados en tódolos seus detalles, saldouse entre outras cousas coa reelección, con 44 votos a favor e 8 en branco, de Antonio Rodríguez Del Corral na presidencia da entidade e en representación da empresa de telecomunicacións R. Igualmente, elixiuse aos membros do Comité de Dirección, que viu reformulada a súa composición cos novos estatutos cos que se pasou a ter un mínimo de catro membros e un máximo de 17, entre os socios de pleno dereito, e con paridade entre as empresas grandes (facturación maior ou igual a 6M€) e pequenas (facturación inferior a 6M€).
O presidente reelecto, Antonio Rodríguez Del Corral, salientou e agradeceu “a alta participación e o apoio dado polas entidades socias”. Este respaldo, engadiu, constitúe “un aval ás liñas de actuación xa executadas e aos obxectivos nos que o Clúster fai unha firme aposta pola innovación, a internacionalización e a especialización do sector TIC galego”. Ao seu xuízo, botar man destas tres fórmulas é un xeito inmellorábel de acadar potenciación empresarial e creación de emprego estable e de calidade, “e para que as TIC sexan o referente e o motor do cambio económico en Galicia”.
Coas eleccións, informa o Clúster, remata o proceso de adecuación da entidade ao novo marco estatutario e o máximo órgano executivo queda composto do seguinte xeito:
· Presidencia Antonio Rodríguez Del Corral en representación da empresa R
· Membros do Comité de Dirección en representación de Grandes Empresas: Coremain, Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Egatel, Everis, Hewlett Packard, Satec, Seidor e Sivsa.
· Membros do Comité de Dirección en representación de Pequenas Empresas: Abertal, Bahía Software, Imaxín Software, Infonet, Itelsis, Sixtema, Tesla e Visual Publine

PUBLICIDADE