O Clúster TIC lidera en Galicia un proxecto europeo de aceleración do emprendemento feminino: The Break

martes, 23 de maio do 2023 S. P.

O Clúster TIC Galicia lidera o programa The Break na comunidade autónoma como entidade receptora e impulsora de 16 proxectos de emprendedoras europeas. O obxectivo desta iniciativa, de ámbito nacional, é atraer talento feminino a España doutros países de Europa para crear unha rede de emprendemento e intercambio de experiencias a nivel europeo. Está deseñada pola Escola de Organización Indrustrial (EOI) e promovida pola The Break Alliance, integrada por Impact Hub, Mentors day e Startups.st.
En Galicia, son cinco as organizacións locais adscritas ao programa, PymeOn, Fundación Roberto Rivas, Sende e Anceu coliving, ademais do Clúster TIC. Esta última é a que acolle un maior número de emprendedoras, 16 en total, das máis de 75 que forman parte de The Break a nivel galego. No resto do territorio español, hai 27 entidades seleccionadas e ao redor dun millar de mulleres cunha idea de negocio, MVP ou cunha empresa con menos de cinco anos de vida.
Coa súa participación neste programa, o Clúster TIC Galicia busca posicionarse como entidade impulsora de proxectos tecnolóxicos de emprendemento a nivel europeo e contribuír a reivindicar e mostrar Galicia e o seu talento no ámbito nacional e internacional.
Crear impacto na comunidade
Outra das finalidades da iniciativa é promover o desenvolvemento local e xerar impacto na comunidade receptora. Con este obxectivo, as breakers culminarán o programa de aceleración cunha inmersión en Galicia do 20 de maio ao 13 de xuño.
Durante a súa estadía desenvolverán un reto que consistirá en inspirar ás novas xeracións poñendo en valor as profesións STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) a través de relatorios e actividades en centros educativos de Muxía e Cee. Deste xeito, mediante a súa propia experiencia, visibilizarán algunhas das oportunidades e vantaxes que ofrece o sector tecnolóxico, como traballar en remoto, para contribuír a fixar a poboación no rural.
60 horas de formación e mentoring
O espazo de traballo das emprendedoras participantes será o Coworking do GaiásTech, situado na Cidade da Cultura, a través dun acordo de colaboración entre o Clúster TIC Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Neste centro recibirán máis de 60 horas de formación e sesións de mentoring grupais e personalizadas, segundo as necesidades de cada proxecto e da man de expertos en diferentes áreas de negocio.
Ademais, visitarán distintas empresas socias do Clúster TIC e manterán encontros con varias entidades de emprendemento para coñecer outras iniciativas locais e establecer novas alianzas de negocio.

PUBLICIDADE