O Cluster TIC galego presenta mañá o seu Plan Estratéxico 2011-2013

martes, 7 de xuño do 2011 Raquel Noya

Mañá mércores, ás 13:00 horas, nun acto que está previsto presida o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o Cluster TIC Galicia vai presentar o seu Plan Estratéxico 2011-2013, que en palabras dos seus creadores supón “a verdadeira folla de ruta que marcará o futuro inmediato do macro-sector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións”.
Este sector representa o 2,1 por cento do PIB galego e sostén, na actualidade, a máis de 16.000 postos de traballo directos, polo que a importancia deste Plan radica na achega dunha serie de pautas a seguir orientadas a mellorar (ou a lo menos manter) estas cifras, nos vindeiros dous anos.
Máis polo miúdo, o devandito Plan deseña un conxunto de proxectos e programas de actuación orientados a tres grandes obxectivos: converter o Cluster TIC Galicia na organización integradora do macro-sector; incrementar a competitividade e promover o crecemento da cifra de negocio dos socios do Cluster.
O evento terá lugar no Centro Social Novacaixagalicia, en Santiago de Compostela, e a el acudirán outras autoridades e personalidades destacadas como o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.

PUBLICIDADE