O Clúster TIC consolida escenarios de colaboración en Colombia

martes, 24 de febreiro do 2015 Redacción

As roldas de comunicación e de contacto organizadas entre empresarios galegos e americanos o ano pasado polo Clúster TIC Galicia xa comezaron a dar resultados visíbeis. E tamén continuidade. Precisamente, o presidente da plataforma galega, Antonio Rodríguez del Corral, vén de participar nunha visita a Colombia con motivo da viaxe institucional do Goberno galego a diversos países latinoamericanos. Ao abeiro desta procura de alianzas e colaboracións, Rodríguez del Corral e o seu equipo mantiveron xuntanzas con empresas e entidades colombianas que, segundo apunta o Clúster,
amosaron un alto interese en estreitar ligazóns con firmas TIC galegas.
Nun plano máis concreto, Rodríguez Del Corral reuniuse cos responsábeis da Empresa de Telefonía de Bogotá (ETB); co Ministerio colombiano das TIC; coa Corporación Colombiana Digital (concretamente co persoal encargado da posta en marcha do Plan Vive Digital, proxecto gobernamental para mellorar o uso e a infraestrutura tecnolóxico-dixital do país); coa Oficina Alta Consejería Distrital de TIC-Bogotá; coa Asociación Nacional de Empresarios –ANDI; e o Clúster TIC de Antioquía, ACI, Ruta N, UNE, Gobal Media.
Segundo informa a plataforma galega, como consecuencia destas xuntanzas, as nosas empresas contarán cun importante aval para o desenvolvemento da II Misión Inversa Internacional Latinoamérica: Colombia – Galicia, e tamén para a posta en marcha dun convenio de colaboración nas materias de Internet das cousas e de novas tecnoloxías para a eficiencia enerxética.
Respecto da Corporación Ruta N Medellín, unha das entidades coas que intercambiou experiencias e afianzou ligazóns o noso Clúster, sinalar que consiste nunha iniciativa dirixida a desenvolver proxectos e recursos locais para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Trátase dunha entidade posta en marcha pola Alcaldía de Medellín, EPM e UNE, e outro dos seus obxectivos é promover negocios innovadores baseados en tecnoloxía que incrementen a competitividade da cidade, dinamicen a economía, fortalezan os clústeres estratéxicos e posibiliten mellores empregos para os habitantes de Medellín. Dito doutro xeito: trátase de converter a Medellín nunha cidade do coñecemento. Arestora emprendeuse dende a dita Corporación o proxecto de dar forma ao distrito tecnolóxico no norte da cidade, un área que segundo informa o Clúster TIC Galicia, “sentará as bases do desenvolvemento económico desta zona, atraendo empresas vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, e a innovación, especialmente nos sectores de saúde, enerxía e TIC”. En definitiva, estamos ante unha boa oportunidade de desenvolvemento para as nosas empresas do sector, e así o fai saber a plataforma que dirixe Antonio Rodríguez del Corral.

PUBLICIDADE