O Clúster TIC anima ás empresas e asociacións do sector a unirse á iniciativa

mércores, 6 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O que vale para calquera sector empresarial, vale tamén para o tecnolóxico, e aínda máis. Falamos de algo tan sinxelo e tan antigo como achegar o ombreiro para facer, entre seis, sete, oito ou as que sexan, o que dificilmente poderían facer unha ou dúas empresas soas. Este é o alicerce do Clúster TIC, que se formalizou a semana pasada con 117 empresas asociadas baixo un mesmo obxectivo: fortalecer o sector das novas tecnoloxías en Galiza e, en última instancia, o acceso e o emprego das redes.
Asemade, os obxectivos pasan por converter o Clúster nun foco de atracción de novos socios e integrantes a tempo completo, desenvolvéndose e reforzándose de seguido.
Deste xeito, tanto as asociacións empresariais (Eganet, Ineo e Aetic-Galicia) coma os colexios profesionais e as institucións públicas (Innovación) que compoñen o seu xermolo están xa emitir comunicados con maior ou menor oficialidade de cara a acadar o meirande número de adhesións e, polo tanto, de fortaleza competitiva.
Segundo sinala Eganet nun dos seus comunicados recentes, son precisamente a coordinación e as alianzas os alicerces fundamentais do traballo do Clúster no proceso de chegada a novos mercados. Con este motivo, a asociación empresarial galega anima ás restantes empresas e asociacións do sector na nosa terra a que se incorporen ó proxecto do Clúster TIC, non só polo que pode representar a súa achega na potenciación do propio sector (unha achega importante), senón tamén no reforzo da tarefa normalizadora das novas tecnoloxías entre a sociedade galega.
Na imaxe, o acto de constitución da iniciativa celebrado a semana pasada no Hotel Porta do Camiño de Santiago.

PUBLICIDADE