O Clúster TIC, a UVigo e Imatia pechan fileiras a prol do emprego

luns, 5 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Unha iniciativa tecnolóxica conxunta para loitar contra o paro xuvenil. Nisto consiste, basicamente, o acordo que veñen de asinar a Universidade de Vigo e o Clúster TIC de Galicia, cuxas empresas colaborarán coa UVigo no fomento do emprego e a formación dual en Galicia, a través do primeiro curso de Posgrao en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital. En palabras das dúas entidades, o acordo ten por obxectivo “abrir as portas do sector tecnolóxico a estudantes e profesionais alleos ao sector dixital, a través de formación práctica nas empresas, sen necesidade de coñecementos informáticos previos”. Na alianza tamén traballa activamente a empresa TIC Imatia, en cuxa web pódese formalizar xa o proceso de inscrición.
O curso, dirixido a graduados en titulacións de ámbito empresarial (ADE, Empresariais, Dereito, Comercio e Marketing, Turismo, Deseño...), carreiras técnicas (Informática, Telecomunicacións, Industriais, Matemáticas, Física...) e profesionais das TIC en activo interesados en explotar o potencial das empresas dixitais comezará o 30 de setembro e terá unha duración de nove meses.
Capacitará tecnicamente aos alumnos en competencias, habilidades e ferramentas tecnolóxicas, así como no dominio de metodoloxías de liderado e de negocio, aplicábeis no desenvolvemento da actividade práctica empresarial.
Amais, porá en xogo, en palabras do Clúster TIC, “unha formación multidisciplinar e saídas laborais en perfís técnicos (desenvolvemento de software, técnicos de soporte, control de calidade, etc.), consultoría (transformación dixital, análise funcional, industria 4.0, etc.), desenvolvemento de negocio (mercadotecnia e vendas para produtos tecnolóxicos…), xestión (xestión de equipos, experto en Scrum, responsábel de produto…) e emprendemento (comercio electrónico, aplicacións empresariais, servizos de desenvolvemento TIC, etc).
O período formativo contemplará clases prácticas na Universidade de Vigo ou en remoto dende outros emprazamentos, en horario de luns a xoves, de 16 a 19 h., e seis meses de formación e traballo remunerado en empresas galegas (de luns a venres, de 9 a 14 h), onde os participantes aprenderán a desenvolver proxectos e solución reais.
Con este posgrao, o Cluster TIC, Imatia e a Universidade de Vigo pretenden cubrir “unha demanda real do mercado”, adaptándose as novas necesidades e perfís solicitados polas empresas e “contribuíndo así a impulsar un sector en auxe e cunha gran capacidade de empregabilidade”. De feito, segundo lembran, o 55% das empresas están a solicitar arestora este tipo de profesionais, e cada ano hai máis de 100.000 postos vacantes sen cubrir.

PUBLICIDADE