O Cluster TIC Galicia estrea nova plataforma web

venres, 20 de abril do 2012 Redacción

O Cluster TIC xa ten nova feitura web. A ferramenta, que destaca polo coidado no deseño, pola sinxeleza de formas e pola vontade de informar de tódalas actividades do Cluster evitando a saturación, xorde co obxectivo, en palabras dos responsábeis da organización empresarial galega, de “converterse nunha referencia informativa para o sector e unha plataforma de servizos para socios da entidade”.
A nova web inclúe seccións de información corporativa sobre o Cluster, fichas de todas as empresas asociadas, depósitos de documentos, información sobre os grupos de traballo, un área de comunicación con novas e ofertas para os socios e unha axenda de eventos, entre outros contidos. Segundo fai saber o Cluster, en datas vindeiras está previsto que se complemente a páxina en cuestión cunha intranet de acceso exclusivo para os socios, que terán nela un espazo de traballo.
O proxecto do novo sitio do Cluster en Internet foi impulsado polo grupo de traballo de Marketing e Comunicación e executado de acordo coas especificacións aprobadas polo Comité Estratéxico.

PUBLICIDADE