O Cluster Saúde de Galicia velará pola implantación das TIC no sistema galego

xoves, 22 de setembro do 2011 Raquel Noya

A Xunta de Galicia, da man da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, vén de dar a coñecer os detalles do acabado de constituír, Cluster Saúde de Galicia, unha entidade que unirá a empresas públicas e privadas e a centros de investigación nun mesmo eixo, para desenvolver xuntos a excelencia empresarial no eido da saúde e a innovación da nosa Comunidade.
Trátase dunha aposta da Consellería de Sanidade por darlle pulo á innovación e á internacionalización das empresas e centros de coñecemento do noso país, que reúne inicialmente a 15 firmas que facturan máis de 450 millóns de euros anuais e que xeran máis de 3.500 empregos directos en Galicia; así como ás tres universidades galegas, que unirán esforzos na investigación de novas técnicas e recursos tecnolóxicos.
Na súa intervención, Farjas Abadía salientou o compromiso da Xunta coa modernización das infraestruturas sanitarias, así como coa implantación das TIC en tódolos eidos da saúde galega, sen esquecer a aposta por novos retos “como a implantación da teleasistencia en novas especialidades ou a potenciación da hospitalización domiciliaria”, que é posible, precisamente, por unha mellora das técnicas de comunicación telemática.
Os membros fundadores do Cluster Saúde de Galicia, baixo o liderazgo da Consellería de Sanidade, son as entidades públicas Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), Galaria; os centros de investigación Fundación Xenómica e CiberOBN; as compañías alimentarias Pescanova Alimentación S.A. (que por certo presidirá o cluster durante os tres primeiros anos) e Feiraco; e as empresas Telefónica, Arteixo Telecom, Coremain (tecnolóxicas); Advancell, Cembimo, Nanoinmunotech (biotecnolóxicas); e Povisa, Zygos e Severiano Gestión (de servizos sanitarios).

PUBLICIDADE