O Clúster Audiovisual impulsa unha tecnoloxía para avaliar o consumo de contidos na mocidade

venres, 1 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Clúster Audiovisual Galego comezou o ano dando importantes impulsos ao proxecto AudienceLab Big Data, concibido, como o seu nome indica, para pór en marcha unha tecnoloxía que posibilite a captación, xestión e análise eficaz de datos sobre consumo audiovisual nas novas plataformas de definición de contidos. A idea é tirar proveito deste coñecemento xerado e avaliado para medir o consumo audiovisual da mocidade nas novas canles e, en última instancia, definir patróns e optimizar produtos á súa disposición.
Amais do devandito, o proxecto ten como obxectivo dar a coñecer o consumo audiovisual da xente nova, de entre 6 e 18 anos, no emprego das novas tecnoloxías como son as redes sociais ou as plataformas de distribución onDemand, e como revolucionou o uso dos teléfonos móbiles intelixentes e as tabletas o consumo audiovisual.
O Clúster promove este proxecto, que conta con financiamento do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e no que tamén participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as empresas Adivina Producciones, Cinfo, Congo Producciones, CRTVG e Ficción. O Clúster engade que o grande interese suscitado por parte de todos os participantes neste proxecto fai “que xa se estea a valorar a súa continuidade e amplialo a máis empresas”.
O funcionamento ao detalle
AudienceLab Big Data tenta capturar, xestionar grandes volumes de datos (Big Data) de consumo audiovisual para logo identificar as rutinas diarias de consumo a través de técnicas avanzadas de análise da información. O sistema proposto permitirá realizar un perfil sociolóxico de consumo televisivo nos mozos en todas as plataformas e, desta maneira, “poder establecer as pautas de comportamento audiovisual”, explica o Clúster, engadindo que para o devandito reto desenvolverase unha nova solución tecnolóxica que permita a medición dos patróns de consumo dos mozos nas novas tecnoloxías. “Esta ferramenta será de grande utilidade para o sector audiovisual, ofrecendo un sistema de medición non dispoñíbel ata o momento e buscando un efecto demostrador para o mesmo”, informa.

PUBLICIDADE