O Club da Ciencia chega xa a 175 centros educativos galegos e cun orzamento de 200.000 euros

luns, 21 de agosto do 2023 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación impulsa un ano máis as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos a través dunha nova edición do Club de Ciencia, cuxo obxectivo é fortalecer, visualizar e potenciar a nova importante canteira de talentos STEM (siglas de Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría e Matemática).
O programa comezou a desenvolverse no curso 2016/17 con dez centros, chegando aos 175 centros participantes no último ano académico. O orzamento total destinado para o vindeiro curso ascende a 200.000€.
En concreto, a finalidade do Club de Ciencia é “proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dun convite ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por mergullarse nos diversos eidos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía”, explicou a Consellería, engadindo que a creación destes contornos de aprendizaxe impulsan vocacións STEM e encamiñan o alumnado cara a estas titulacións no eido universitario.
Esta actuación enmárcase na Estratexia Educación Dixital 2030 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, como unha das medidas que propician o fomento e desenvolvemento de programas destinados á mellora das competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.
Os centros interesados en incorporarse a esta iniciativa poderán formalizar a súa solicitude ata o 18 de setembro de 2023 a través da aplicación informática de Programas Educativos.

PUBLICIDADE