O CiTIUS súmase a un proxecto europeo para transformar a acuicultura en intelixente e sustentábel

xoves, 20 de xullo do 2023 S. P.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) participará ao longo dos vindeiros tres anos no novo proxecto europeo AQUATECHInn 4.0 (Aprendizaxe dixital en acuicultura 4.0 para a formación tecnolóxica de técnicos de piscifactorías), un novo consorcio financiado polo programa de axudas Erasmus+ da Unión Europea, no que participan 14 entidades de España, Italia, Portugal, Francia, Turquía e Grecia. Os investigadores da USC involucrados no proxecto son Manuel Lama Penín, Alejandro Catalá, Juan Carlos Vidal e Nelly Condori-Fernández.
Ao longo do proxecto, que comezou oficialmente esta semana coa reunión oficial de lanzamento celebrada en Valencia, un consorcio formado por actores chave do sector acuícola europeo (asociacións empresariais e empresas de acuicultura, universidades, centros de Formación Profesional e centros de investigación con experiencia no sector) proporá a creación do programa formativo de referencia AQUATECHInn 4.0, cuxo propósito será “aglutinar os adiantos tecnolóxicos e produtivos máis innovadores desenvolvidos para o sector, e adaptados á nova Industria 4.0”. Para iso, incorporará avances tecnolóxicos como a Realidade Virtual e a gamificación.
Un dos obxectivos principais desta nova iniciativa é “mellorar a calidade e as competencias desenvolvidas no sector europeo da acuicultura, incluíndo novas competencias e reducindo os desaxustes actuais respecto ás necesidades do mercado”. AQUATECHInn tratará tamén de que os profesionais do sector poidan achegarse aos procedementos de diagnóstico dixital para avaliar o estado das diferentes etapas do proceso de cultivo acuícola segundo proceda, transformando así a acuicultura tradicional en acuicultura 4.0 mediante a promoción da aprendizaxe dixital dos procesos.
Por outra banda, desenvolveranse tamén novos métodos educativos para avaliar os factores que afectan os procesos de produción a través dunha formación dixital probada, recoñecida e innovadora.
AQUATECHInn pretende proporcionar unha mellor comprensión do uso de enfoques dixitais baseados en recursos como os cursos de formación en liña, a Realidade Virtual ou os escenarios de aprendizaxe gamificados para a formación técnica no sector, así como a súa validación en condicións reais.
Ademais, no marco do proxecto seleccionaranse os mellores procedementos e as mellores prácticas para o desenvolvemento tecnolóxico das explotacións acuícolas en Europa, xerando praxes que melloren o rendemento e fagan da acuicultura unha industria sustentábel. “Todo iso traducirase nun alto impacto validado en todo o sector acuícola europeo, a través do crecemento, a creación de emprego, as achegas positivas á economía e as comunidades locais”, explicaron fontes do CiTIUS, engadindo que o proxecto tamén servirá para deseñar, desenvolver e compartir plataformas de aprendizaxe electrónica que albergarán recursos educativos altamente especializados.

PUBLICIDADE