O CiTIUS luciu proxectos nunha xornada Inside the Lab que recuperou ao cen por cen a presencialidade

martes, 5 de xullo do 2022 S. P.

A xornada de demostración tecnolóxica do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago), a xornada Inside the Lab, volveu este 1 de xullo á formato previo á crise da COVID e o retorno á presencialidade non puido ser máis frutífero, tanto polo interese xerado polos proxectos e liñas de traballo do CiTIUS nesta actividade de información e portas abertas, como polo importante número de participantes (investigadoras e investigadores, representantes de empresas, administracións e profesionais do ámbito tecnolóxico en xeral).
Para quen non o saiba, Inside the Lab, que chegou á súa sétima edición, é o un evento anual de demostración tecnolóxica destinado a presentar en persoa as tecnoloxías de vangarda desenvolvidas dentro do CiTIUS. Nesta edición, que foi completamente presencial e que tivo especial significado por coincidir non só coa volta á normalidade post-COVID senón tamén co décimo aniversario do centro, os visitantes tiveron a oportunidade de coñecer 12 demostradores de diferentes ámbitos científicos, como o deseño de chips, a lingüística, o procesado de imaxe médica, a exploración interactiva de datos ambientais, o agrupamento automático de series temporais, ou o mapeado e seguimento de datos mediante imaxes multi-hiperespectrales e técnicas LiDAR. Ademais, neste encontro volveron participar Situm Technologies e Inverbis Analytics, dúas empresas xurdidas do centro, que amosaron tamén os seus máis recentes achados.
No programa de actividades destacou especialmente o demostrador do novo investigador vinculado do centro, David Glowacki. O científico estadounidense, presentado recentemente nun acto público na Cidade da Cultura de Galicia, realizou unha demostración do seu traballo con tecnoloxías de Realidade Virtual, un ámbito no que é un referente a nivel mundial, e en torno ao cal virará tamén o seu primeiro desafío no centro: o proxecto NanoVr, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con case dous millóns de euros.
Ademais desta demostración, os visitantes de Inside the Lab 7 atoparon tamén outros 11 puntos repartidos polo centro, con información de primeira man sobre as tecnoloxías máis punteiras do CiTIUS en distintos eidos.

PUBLICIDADE