O CiTIUS lidera a rede española de investigación para unha IA fiable

venres, 23 de xuño do 2023 Redacción

Intelixencia artificial fiable: retos técnicos, éticos, legais, culturais e socioeconómicos é o nome completo de TELSEC4TAI, a nova rede de investigación nacional que coordinará o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), financiada pola Axencia Española de Investigación (AEI) e o Ministerio de Ciencia e Innovación no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. A través de TELSEC4TAI, o CiTIUS pasa a liderar a rede científica que se encargará de velar por unha Intelixencia artificial (IA) fiable en España.
A rede temática reúne a doce grupos de investigación amplamente recoñecidos, tanto a nivel estatal como internacional, co fin de crear unha comunidade forte que poida liderar a investigación no campo da Intelixencia Arficial fiable, fomentando a colaboración con outros grupos de referencia internacionais e coa industria, así como entre os seus propios integrantes.
O investigador do CiTIUS José María Alonso, coordinador da rede, resume, en poucas palabras, o obxectivo principal desta nova alianza: «aspiramos a xerar conciencia social sobre a importancia de avanzar cara a unha nova xeración de dispositivos intelixentes, que respecten e fomenten os principios de non discriminación e equidade, con capacidade de explicar as súas decisións de forma comprensible para as persoas».
«TELSEC4TAI non só está aliñada co Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), que recoñece o dereito dos cidadáns para reclamar explicacións das decisións automatizadas derivadas dos datos persoais», continúa José M. Alonso, «senón tamén coa nova regulación europea sobre IA (AI Act) votada polo Parlamento Europeo este mes, destacando a importancia de desenvolver unha IA centrada nas persoas, para facer aos cidadáns máis informados e capaces de tomar mellores decisións», explica.
A nova rede bota a andar fixándose os seguinte obxectivos: maximizar a colaboración entre os membros da rede, con especial interese na investigación multidisciplinar; maximizar, ao mesmo tempo, as oportunidades para a mocidade investigadora con talento neste campo; fomentar a internacionalización e o recoñecemento da investigación realizada en España; e impulsar a colaboración entre a academia, a industria e o sector público no desenvolvemento e uso da IA. «A través das accións propostas, búscase tamén a concienciación social sobre a relevancia de dispor dunha IA fiable para afrontar os retos sociais, obxectivo transversal para a rede», conclúe José M. Alonso.

Accións destacadas

Para alcanzar estes obxectivos, a rede poñerá en marcha diferentes accións. Entre elas, o fomento da coautoría de publicacións, a co-supervisión de estudantes e a solicitude de propostas de proxectos conxuntos. Tamén promoverá a organización de titoriais, talleres e sesións especiais en congresos internacionais, así como estancias de investigación, xornadas de debate e escolas de verán.
Para impulsar a cooperación coa industria, habilitarase un foro de debate que fomentará a creación de pilotos, probas controladas, ou certificacións voluntarias, entre outras. Ademais, fomentarase a divulgación científica con actividades a través da web, redes sociais e a participación en eventos de divulgación científica.
A rede que agora nace está aliñada cos obxectivos da ENIA (Estratexia Nacional Española de IA), e por iso centrarase en impulsar a educación, a formación e a atracción de talento, esforzándose por xerar unha contorna de confianza asociada á IA. Con este propósito, promoverá unha IA centrada no ser humano consciente da ética para o benestar social, e desenvolverá unha IA inclusiva e sostible.

PUBLICIDADE