O CiTIUS certifícase como referente estatal en Intelixencia Artificial

luns, 29 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe o centro CiTIUS colleu impulso. E fíxoo con nome renovado (CiTIUS ou Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, no canto de Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC) e cunha estratexia de investigación especializada que é unha ambiciosa folla de ruta polos frutíferos e potencialmente enriquecedores camiños da Intelixencia Artificial. O obxectivo do centro: situar Galicia na vangarda de España en todo o relacionado coas máquinas e os seus retos smart. Na presentación da nova andaina do CiTIUS participaron Carmen Pomar, conselleira de Educación, o reitor da USC, Antonio López, e o director científico do centro, Senén Barro.
Na estrea da súa nova identidade, fíxose fincapé na transformación do CiTIUS como “o único centro galego de investigación centrado de maneira específica nas tecnoloxías intelixentes”. Amais, a nivel estatal, só existen outros dous encadrados neste eido de traballo, recordouse.
A conselleira informou da importancia de facer avanzar as capacidades das máquinas: “Sanidade, educación, empresa... miremos onde miremos, o eido da Intelixencia Artificial é o futuro (...) A conxuntura é perfecta para a reconversión deste centro”. Na súa intervención, Carmen Pomar quixo felicitar ao CiTIUS “polo seu traballo ó longo dos últimos anos”, salientando “o labor excelente que vén realizando en investigación e transferencia”. Carmen Pomar insistiu na importancia “deste modelo competitivo e internacionalizado de investigación, un exemplo claro de cara onde temos que camiñar xuntos en Galicia”.
Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, falou “dunha aposta orientada a aproveitar as oportunidades que se presentan” e de “visualizar o labor que xa se viña facendo”. E engadiu: “Este centro ten que ser un buque insignia, que xa o era, pero máis aínda de cara ó futuro”.
Entre as tecnoloxías concretas nas que vai traballar o CiTIUS atópanse a aprendizaxe automática, as tecnoloxías da linguaxe, a robótica ou a visión artificial, todas “cun enorme e crecente impacto socioeconómico que está a transformar sectores tan importantes como a Industria 4.0, ou a enerxía e medioambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou os sectores financeiro e de seguros, entre outros”, fíxose saber no acto, no que tamén se achegaron cifras sobre o devandito impacto: “A maior pegada transformadora da historia, con capacidade para aportar 13 billóns de dólares ao PIB mundial en 2030 e un incremento medio anual do 1,2% na produtividade”.
Na cita de hoxe tamén se destacou a capacidade do CiTIUS para favorecer a transferencia tecnolóxica e a creación de novas firmas innovadoras, por exemplo Situm e Imagames, que contan xa con máis de 40 empregados e presenza en 40 países.
Tamén se puxo o foco nos contratos de I+D con empresas globais, como Indra, IBM, Johnson & Johnson e Babcock, e un bo número de empresas da contorna, como FINSA ou Mestrelab Research. Actualmente o CiTIUS acubilla máis de 100 investigadores, entre os que figuran 31 investigadores senior que foron seleccionados por unha comisión científica externa.

PUBLICIDADE