O Centro de Novas Tecnoloxías fai un bo balance do pasado curso académico

martes, 16 de xuño do 2009 Raquel Noya

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia vén de facer balance do que dou de sí o pasado curso académico 2008-2009 no que a accións formativas se refire, e os datos presentados polos seus responables directos non puideron ser máis satisfactorios para un centro que abreu as súas portas hai relativamente pouco tempo e que está a subir en número de usuarios e prestixio igual que a escuma.
No que foi o seu primeiro curso académico, segundo vén de indicar o seu director, Alfonso Blasco, “máis de 300 profesionais (o 54 por cento do seu alumnado), poderán acceder xa á máis alta certificación da súa capacidade esixida por empresas dese sector”, grazas ás máis de 50 accións formativas de diversas áreas relacionadas coas novas tecnoloxías que se levaron a cabo neste Centro da man dos mellores profesionais.
Estas certificacións, que conceden prestixiosas multinacionais como Microsoft ou Adobe (dependendo dos requisitos que se lle soliciten aos alumnos), teñen validez internacional e “son moi valoradas no mercado laboral”.
En total, o Centro de Novas Tecnoloxías levou a cabo 51 accións formativas, 17 por trimestre, nas que se ofertaron 762 prazas e se impartiron unhas 3.152 horas de clase. Asemade, no que a datos se refire, o Centro cubriu o 96,19 por cento das prazas ofertadas, e o 92,13 por cento das persoas iniciaron o curso.
Na maior parte das actividades desenvolvidas, o Centro esgotou tódalas prazas ofertadas deixando, por forza, algunhas persoas solicitantes en lista de espera.
Agora, o prazo para inscribirse en novas actividades vai comezar o vindeiro 1 de setembro e a actividade reanudarase en outubro.
Como dato curioso debemos salientar que a web deste organismo recibiu unha media de 263 visitas diarias entre outubro de 2008 e o pasado 31 de maio, rexistrando en total, nada menos que 71.675 accesos, un dato que non fai máis que demostrar o crecente interese que esta entidade está a espertar en toda a sociedade galega seareira das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE