O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acollerá un seminario sobre Windows Server 2012

martes, 19 de febreiro do 2013 Redacción

Interior do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago

O mércores 20 de marzo de 9:30 a 13:30 horas terá lugar no compostelán Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) un seminario práctico organizado pola Consellería de Traballo e Benestar no que se abranguerán as novas funcións da versión de Windows Server 2012. Cómpre dicir que o dito encontro será impartido por Genis Margarit Contel, enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Cataluña e formador na área de administración de sistemas Windows Server e Implementación de VoIP con Asterisk. Genis Margaret combina a súa actividade profesional como docente na Universidade Pompeu Fabra, coa súa actividade como consultor TIC e o seu perfil como instrutor oficial das tecnoloxías Microsoft, Cisco, Google e Asterisk.
E a quen vai encamiñada esta xornada? Pois preferentemente a administradores/as de sistemas, administradores/as de redes, técnicos informáticos, consultores TIC e, en xeral, profesionais TIC que desexen actualizarse e coñecer máis polo miúdo esta nova versión do sistema operativo.
Salientar que o acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. É preciso engadir que o acceso ao seminario para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento. Emporiso, o prazo de inscrición estará aberto até o día 19 de marzo.

PUBLICIDADE